O HULA garante a súa autonomía enerxética fronte a apagamentos

LugoXa
Con tres xeradores que suman 4.500 kilowatts —por riba dos 3.490 contratados coa rede eléctrica—, o hospital de Lugo pode abastecerse de maneira autónoma
HULA-e-xornada-xestión-de-infraestruturas-Lugo
12 Jun 2025

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) está preparado para manter a súa actividade asistencial en situacións de crise enerxética, como a vivida o pasado 28 de abril durante o apagamento que afectou á península.

Con tres xeradores que suman 4.500 kilowatts —por riba dos 3.490 contratados coa rede eléctrica—, o hospital de Lugo pode abastecerse de maneira autónoma. Ademais, conta con tres depósitos de combustible que acumulan 9.000 litros, o que lle outorga unha autonomía enerxética de ata 24 horas sen necesidade de repostar.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou estes datos durante unha visita ás instalacións, acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares. Subliñou tamén que o pasado 28 de abril, en resposta ao apagamento, activáronse de forma inmediata 138 grupos electróxenos en hospitais de toda Galicia, garantindo a continuidade asistencial.

Tras a visita, Gómez Caamaño participou na inauguración da Xornada de xestión técnica de infraestruturas sanitarias para a continuidade asistencial, onde anunciou novas medidas para reforzar a capacidade de resposta do sistema sanitario en situacións semellantes.

Entre elas, o reforzo dos sistemas de alimentación ininterrompida nos centros de datos e sistemas críticos do Sergas, a implantación dunha rede de comunicación satelital de órbita baixa para hospitais e PAC como rede de continxencia e o aumento do número de xeradores, así como a garantía de acceso ao combustible en emerxencias.

O conselleiro agradeceu o traballo dos enxeñeiros e técnicos que manteñen operativos os sistemas esenciais da sanidade pública e que contribúen a facer do sistema galego un referente en seguridade, sustentabilidade e eficiencia.

⚙ Configurar cookies
0.16942501068115