O HULA presenta os resultados do proxecto “Minerais contra o cancro”, impulsado pola cidadanía

O Hospital Universitario Lucus Augusti acollerá este xoves 12 de febreiro ás 13.30 horas a presentación dos principais resultados do proxecto de investigación “Minerais contra o cancro”, unha iniciativa promovida a través dun programa de micromecenado no que participaron entidades, empresas e cidadanía da provincia de Lugo, así como persoas doantes de sangue.
O traballo desenvolvido deu lugar á elaboración dunha tese doutoral e á publicación de diversos artigos científicos en revistas internacionais, converténdose nunha das primeiras investigacións poboacionais realizadas en Galicia centradas no estudo do estado dos microminerais e a súa relación coa saúde.
Durante o acto ofrecerase un resumo das conclusións máis relevantes e das liñas de continuidade abertas a partir deste proxecto, nun encontro que tamén pretende servir como retorno social ás persoas e colectivos que fixeron posible a súa posta en marcha.
Na presentación intervirán o director xerente do HULA, Ramón Ares Rico; a directora do proxecto pola Universidade de Santiago de Compostela, Marta López Alonso; o coordinador da iniciativa no HULA, Rafael Monte Secades; e Inés Rivas Fernández, autora da tese doutoral.