O HULA promove a detección temperá da EPOC con actividades de divulgación

O Servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) organizará diversas accións de divulgación dirixidas á cidadanía co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia de identificar a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) nas súas fases iniciais.
Con motivo do Día Mundial da EPOC, o hospital instalará o vindeiro 19 de novembro un stand informativo no vestíbulo do centro, en horario de 11:00 a 13:00 horas, para ofrecer información e fomentar a detección precoz da patoloxía.
A iniciativa conta co respaldo da Sociedade Galega de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SOGAPAR) e do Grupo Galego de EPOC (GalEPOC), reforzando o compromiso do HULA coa saúde respiratoria da comunidade.
Baixo o lema “Se che custa respirar, podes ter EPOC”, a campaña busca concienciar a poboación sobre a frecuencia e o impacto desta enfermidade prevenible e tratable, que provoca a morte de arredor de tres millóns de persoas en todo o mundo cada ano. Estímase que nos próximos anos a EPOC aumentará debido ao envellecemento da poboación e á exposición continuada a factores de risco como o fume do tabaco e a contaminación ambiental.
En Lugo, calcúlase que unhas 18.000 persoas poderían padecer EPOC, moitas delas sen diagnosticar. A detección temperá é fundamental para mellorar a calidade de vida dos pacientes e reducir a presión sobre o sistema sanitario.