O Hula traballa xa a saúde mental infanto-xuvenil no hospital de día

LugoXa
Comeza a funcionar no HULA o hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil da área sanitaria de Lugo, A Mariña en Monforte.
Unidade mental infanto xuvenil hula
21 Maio 2022

O hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil comezou a funcionar esta semana na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Trátase do cuarto dos sete hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenís previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia, aprobado a mediados de 2020, tras os de Vigo, Santiago e Ourense. O obxectivo de Plan é que haxa un hospital destas características en cada unha das sete áreas sanitarias galegas no ano 2024.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, acompañados polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitaron este hospital de día de saúde mental-infanto xuvenil, situado na planta 1 de HULA, xunto a hospitalización de Pediatría.

Está atendido por un equipo multidisciplinar de profesionais de psiquiatría, psicoloxía, enfermería, traballo social e terapia ocupacional, e conta ademais con outro persoal de apoio. Ademais traballará de forma conxunta, coordinada e interdisciplinar con outros servizos implicados na atención destes pacientes, como poden ser pediatría ou endocrinoloxía.

Esta nova unidade está destinada a pacientes con idades que van dos 12 aos 18 anos. Entre as patoloxías que se atenderán figuran trastornos da alimentación, trastornos mentais graves, trastornos do espectro autista e trastornos de conduta, entre outros.

O hospital de día de saúde mental infanto-xuveníl está concebido para realizar tratamentos ambulatorios activos e busca non separar aos nenos e adolescentes do seu ámbito normal de vida cotiá.

En definitiva, trátase dun recurso terapéutico de intervención intensiva, cun enfoque multidisciplinar, para nenos e adolescentes que padecen trastornos mentais graves e nos que se recomenda manter a súa integración social habitual. Deste xeito, mellorarase a calidade asistencial ofrecéndolles un recursos cunha intensidade de coidados axustada ás súas necesidades.

A través do Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta cun presuposto de 83 millóns de euros, creouse tamén na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos unha unidade de prevención do suicidio, cumprindo deste xeito o compromiso do Servizo Galego de Saúde, que busca que, a finais de ano, cada unha das sete áreas sanitarias galegas conten cunha unidade deste tipo.

Tamén na área luguesa, ao amparo do Plan de Saúde Mental, creáronse programas de psicoloxía de enlace entre atención primaria e hospitalaria e reforzouse o persoal do programa sociosanitario que atende a saúde mental de persoas usuarias de residencias, permitindo a extensión do programa a nove residencias máis, ata alcanzar as 33, que son visitadas periodicamente en toda a provincia.

0.085683107376099