O I Congreso de Economía de Galicia celebrou o seu centenario en Lugo

O Vello Cárcere de Lugo acolleu a conmemoración do centenario do I Congreso de Economía de Galicia, un foro que busca lembrar aquel conclave pioneiro celebrado no ano 1925 no Círculo das Artes lucense, onde se abordaron os principais desafíos do país e o avance do Estatuto de Autonomía. Nesta edición especial, o evento incluíu unha homenaxe ao empresario lucense Álvaro Gil Varela, recoñecendo a súa traxectoria e contribución ao tecido económico galego.
A programación contou con cinco relatorios centrados na reflexión histórica e nos retos actuais da economía galega. O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, abordou a evolución do pensamento económico galego; a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas, analizouse o galeguismo empresarial e as garantías xurídicas; e o director xeral de Caixa Rural Galega, Xesús Méndez, profundou nos desafíos e oportunidades da economía provincial. A bióloga de Leite Sen Máis, Ana Corredoira, afondou na innovación e na sostibilidade como motores de futuro; e un representante do IGAPE tratou as vías para impulsar o tecido industrial e as cláusulas de responsabilidade lingüística.
A Deputación de Lugo apoiou este encontro cunha achega económica próxima aos 4.000 euros. Durante a inauguración, a vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro García Porto, salientou que “cen anos despois, seguimos a compartir esa mesma aspiración, porque a economía non pode desvincularse da cultura, da lingua nin das persoas. O progreso só é real cando chega a todos os territorios, cando crea oportunidades e cando respecta a nosa identidade”. Subliñou ademais que a provincia de Lugo exemplifica ese equilibrio “entre tradición e innovación, cun compromiso coa sustentabilidade, coa economía social, co sector primario e con novos proxectos empresariais cunha clara vocación de futuro”.
O foro reivindicou así o legado histórico do Congreso de 1925, poñendo en valor a tradición de pensamento económico propio en Galicia e animando a seguir avanzando cara un modelo máis sostible, competitivo e enraizado no territorio.