O Ibader amplía a colección Monografías cun volume sobre o trigo Caaveiro

LugoXa
A publicación ‘Dende a produción á panificación do trigo galego ‘Caaveiro’ en cultivo ecolóxico vs.
presentacion ibader trigo caaveiro
1 Nov 2023

A publicación ‘Dende a produción á panificación do trigo galego ‘Caaveiro’ en cultivo ecolóxico vs. Convencional’, coordinada por Ángeles Romero e Santiago Pereira, conclúe que a maior sustentabilidade e o menor requirimento de insumos do sistema ecolóxico compensa o rendemento un 30% superior que ofrece o cultivo convencional.

Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) amplía a 15 a súa colección de Monografías cun volume sobre a variedade de trigo galego Caaveiro, un estudo multidisciplinar promovido desde a Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC e coordinado polos catedráticos da USC Ángeles Romero e Santiago Pereira, no que se defende o sistema de cultivo en ecolóxico como o máis óptimo para esta variedade autóctona de cereal, dado que o menor requirimento de insumos do sistema ecolóxico compensa o rendemento un 30 % superior que ofrece o cultivo convencional.

As conclusións recollidas nesta publicación déronse a coñecer na aula Luciano Sánchez García da sede luguesa do Ibader, no marco dun concorrido acto público no que participaron o director deste instituto de investigación da USC, Pablo Ramil Rego, a delegada para o Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, os coordinadores da obra e o xefe de sección de Investigación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Luis Urquijo Zamora.

A sesión de presentación do volume Dende a produción á panificación do trigo galego Caaveiro en cultivo ecolóxico vs. Convencional, no que participan como autores investigadores pertencentes a diversas áreas de coñecemento, serviu tamén para poñer en valor o traballo desenvolvido ao longo das últimas décadas cara a promoción e o recoñecemento das variedades de trigo galego e a conseguinte creación e rexistro da IXP Pan Galego.

Estruturado en sete capítulos, a nova monografía editada polo Ibader achega e introduce ao lector, desde o campo á mesa, na produción de pan galego nun contexto agroecolóxico. A avaliación agronómica e produtiva do trigo Caaveiro tanto en sistema ecolóxico como convencional, a análise da biota edáfica e da entomofauna polinizadora, o control das fariñas e dos pans obtidos, a visión do contexto agroecolóxico do trigo e pan do país e Galicia e unha comparativa económica do modelo de produción en ecolóxico deste cereal autóctono fronte ao sistema convencional, completan a grella de contidos da publicación.

Palestras de divulgación

A xornada de presentación desta nova publicación científica precedeu unha palestra de divulgativa na que interviron como relatores o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida, que explicou como se leva a cabo a avaliación agronómica e produtiva do trigo. Deseguido, os profesores da área de Zooloxía da USC no Campus Terra Teresa Rodríguez e José Carlos Otero falaron da necesidade de estudar a entomafauna dos cultivos agrícolas. A importancia do control xenético das fariñas na trazabilidade centrou a exposición do catedrático Santiago Pereira e da investigadora Ana María Ramos Cabrer.

A profesora de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias Matilde Lombardero Fernández tratou neste foro a importancia do control microscópico de fariñas  na trazabilidade, mentres que Nerea Fernández Canto e Belén García Gómez abordaron a análise nutricional e sensorial de fariñas e pans. O profesor da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria Ibán Vázquez González pechou a quenda de relatorios cunha charla sobre o contexto agroecolóxico do trigo e do pan galego, ao tempo que presento unha análise económica comparativa da produción de trigo ecolóxica fronte á convencional.

0.18895697593689