O IES Ánxel Fole consegue o primeiro premio dun concurso da Xunta cun vídeo que cuestiona os mitos do amor romántico

O alumnado de 3º de ESO do IES Ánxel Fole foi recoñecido co primeiro premio no Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais organizado con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O vídeo O amor é maxia acadou o galardón na modalidade de “Audiovisual” destinada ao alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato. Os autores da peza premiada son Erea Buján López, Aitor López Barreiro, Arturo Méndez Vega, Nerea Rivera Lacoma, Heidy Rodríguez Pérez, Erea Teijeiro Piñón, Enrique Vázquez Núñez e Adriana Vidal González.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, foi a encargada de entregar os premios nun acto celebrado na Fundación Laboral da Construción en Santiago de Compostela. A representante autonómica felicitou o alumnado pola “calidade das propostas presentadas” e polos “mensaxes lanzados” a través dos vídeos e carteis que concorreron ao certame.
O proxecto O amor é maxia naceu coa intención de desmontar a idea do amor romántico asociada á expresión que dá título ao vídeo, unha concepción que, segundo o equipo creador, condiciona a forma de entender as relacións afectivas e contribúe a perpetuar dinámicas pouco saudables entre adolescentes. O traballo parte da preocupación polo aumento de casos de violencia de xénero en parellas novas e propón poñer o foco nesta etapa inicial das relacións, na que os referentes románticos teñen un peso determinante.
A proposta busca deconstruír os mitos do amor romántico como ferramenta preventiva, fomentar relacións igualitarias e promover valores como a autoestima, o respecto mutuo e a comunicación. Ademais, pretende axudar a identificar aquelas crenzas que sustentan desigualdades de xénero, impulsar a reflexión crítica sobre a violencia contra as mulleres e reforzar a confianza das vítimas, transmitindo unha mensaxe de esperanza e saída.