O IES Muralla de Lugo recibiu o primeiro premio no concurso de recollida de pilas

LugoXa
A Xunta fixo entrega dos premios correspondentes aos catro centros gañadores na recollida de pilas, o IES Muralla de lugo foi o mellor
certame recollida pilas ies muralla lugo
17 Xuño 2023

A Xunta fixo entrega dos premios correspondentes aos catro centros gañadores —un instituto lucense e tres colexios ourensáns— do concurso escolar Pilabot para a recollida de pilas, baterías usadas e acumuladores, que este curso celebrou en Galicia a súa cuarta edición e no marco do cal se recompilaron máis de 46 toneladas —46.649 kg— deste tipo de residuos.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou esta mañá no acto oficial de entrega de premios, que congregou no Museo Pedagóxico de Galicia a un cento de asistentes, entre os que se atopaba profesorado, alumnado e familias dos catro centros escolares galegos que lograron as mellores cifras de recollida no marco desta cuarta edición do concurso.

Durante o evento, Pérez destacou o crecente interese que a campaña esperta na comunidade educativa, que ademais de cubrir todas as 150 prazas dispoñibles e manter unha lista de agarda de máis de medio cento de colexios, incorporou nesta edición a 65 centros debutantes.

Ademais, a directora xeral tamén puxo en valor a importancia de iniciativas como Pilabot para concienciar á mocidade da necesidade de reciclar correctamente un residuo moi contaminante e do que o ano pasado se recolleron cifras récord en Galicia, con máis de 396 toneladas de pilas de orixe doméstica, cun incremento do 22,61% respecto a 2021. Unha tendencia que se ten disparado, salientou, desde a posta en marcha do concurso no ano 2019, polo que destacou o “efecto positivo” que ten esta iniciativa sobre a reciclaxe doméstica de pilas, baterías e acumuladores.

En canto aos centros premiados, o IES Muralla de Lugo levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller máis de 4,6 toneladas de pilas nas súas instalacións —en concreto, 4.654,45 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.346,95 quilos recollidos.

No que atinxe á categoría de mellores taxas de recollida por alumno, o gañador foi o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, cunha media de 99,53 quilogramos por estudante. O CRA Amencer de Ribadavia –gañador desta mesma categoría na pasada edición do concurso- obtivo a segunda posición, con 43,03 kg recollidos por alumno.

Os catro centros recibiron un premio económico —de 2.500 euros para os gañadores de cada unha das categorías e de 1.250 para os segundos— que deberán destinar, en todo caso, á compra de material escolar ou deportivo.

Durante as catro edicións desta iniciativa, a actividade estrela foi sempre o concurso de recollida de pilas, baterías e acumuladores no que os 150 colexios participantes compiten entre si por demostrar o seu compromiso coa recuperación destes refugallos. A tal fin, os organizadores subministran a cada centro os bidóns para facilitar a recollida durante un período de 6 semanas así como material informativo e merchandising.

Certame de cartel publicitario

Así mesmo e como en edicións anteriores, tamén se convocou o concurso artístico e creativo #EuSonPilabot, aberto á participación dos 32.000 escolares que estudan nalgún dos centros de educación primaria e secundaria inscritos este curso na campaña.

No acto, entregouse unha tableta a 3 dos 5 gañadores deste certame —2 dos nenos premiados non asistiron polo que se lles fará chegar o seu regalo—. Os participantes galardoados foron, neste caso, Noa Remuiñan Rojo, do CEIP Castelao de Ordes; Sara Mencía Quintía Pan, do CEIP Torre de Hércules da Coruña; Uxía Rodríguez Ramos, do Colexio Lar de Mos; Saúl José Hernández Cortez, do IES San Tomé do Freixeiro de Vigo; e Ana Lestao Ben, do IES Perdouro de Burela

Ademais dos concursos, a campaña incluíu a realización de 50 talleres didácticos para poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa.

0.12628984451294