O IES Muralla Romana gaña o primeiro premio no certame Parlamento Xove

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á final da 16ª edición de Parlamento Xove, onde anunciou que o próximo ano se creará unha nova categoría pos universitaria, que permitirá a participación de mozos e mozas de ata 30 anos.
“Con esta incorporación, o obxectivo é que o impacto do certame chegue aínda máis lonxe”, destacou López Campos. O programa bateu nesta edición o récord de participantes con 68 equipos nas categorías de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remarcou a “grande oratoria dos nosos escolares que cada ano soben o nivel” e que “se converterán na voz que representará no futuro ás galegas e aos galegos”.
O equipo gañador na categoría de Secundaria foi o Colexio Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa, mentres que na categoría de Bacharelato foi o Instituto Muralla Romana, de Lugo. Na categoría de Universidade o equipo gañador foi o equipo 2 do Campus Santiago, da Universidade de Santiago de Compostela.
Tamén foron galardoados os mellores oradores. Así, na categoría de Secundaria os premiados foron Noelia Cores Iglesias, do Colexio La Salle, de Santiago, e Pablo Isaías Alonso Martínez, do Colexio Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa. No que respecta ao nivel de Bacharelato, o premio aos mellores oradores levárono Denís Fernández Casal e Anxos Pérez Prego, ambos os dous do Instituto Francisco Asorey, de Cambados. Pola súa banda, na categoría de Universidade foi premiado Iván Fernández Fernández, do equipo 1 do Campus Vigo, da Universidade de Vigo.
Tal e como explicou o conselleiro, as semifinais e finais celebradas no Parlamento de Galicia abordaron o tema de se pode a tecnoloxía substituír o papel docente. Ademais, todos os cruces foron retransmitidos desde a canle de YouTube de Xuventude e os participantes chegaron á cita despois de gozar, ao longo do mes de febreiro, dunha formación previa organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Por outra parte, López Campos agradeceu a participación dos mozos e mozas e destacou o éxito deste programa que se celebra dende o ano 2010 e que acumula xa “máis de 600 equipos participantes” con estudantes chegados de todas partes de Galicia e que suman xa “máis de 3.000 persoas”.
O certame impulsado pola Xunta de Galicia é unha competición na que os equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A través desta iniciativa, o Goberno galego mantén o seu compromiso coa mocidade ofrecendo ferramentas que potencien as súas habilidades e competencias en eidos como a selección de información, a expresión oral e escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia.