O IES Sanxillao homenaxea a Rosalía de Castro cun mural
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro visitou o IES Sanxillao, onde ven de rematarse un mural homenaxe a Rosalía no marco da programación que a área de Cultura desenvolve arredor da autora.
O deseño de Rubén Paz loce nun dos muros do recinto do centro, fronte á porta de entrada, onde nos últimos días o artista completou o traballo, que puido ser seguido polo alumnado.
Na visita ao centro, acompañada polo concelleiro de Infraestruturas de Lugo, Alexandre Penas, a vicepresidenta da Deputación compartiu impresións co profesorado e coas alumnas e alumnos do centro, no que se imparte Bacharelato de Artes, e sinalou “a boa acollida que tivo a iniciativa por parte dos centros educativos, que a través destas intervencións artísticas achegan ao alumnado unha figura imprescindible para a cultura, a lingua e o feminismo ao tempo que fomentan a creatividade e embelecen os seus recintos”.
O mesmo deseño loce tamén no CEIP Avelino Díaz de Meira e no CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba, e realizarase, en vindeiras datas, no CEIP Xoan de Requeixo de Chantada. Igualmente, faranse intervencións artísticas inspiradas na obra rosaliana, a cargo da ilustradora Ana Santiso, no IES de Foz (do 16 ao 20 de maio), no IES Monte Castelo de Burela (do 30 de maio ao 3 de xuño), e no IES San Rosendo de Mondoñedo e o IES Pedregal de Irimia de Meira, en datas aínda por concretar.
Programación sobre Rosalía
Ademais das intervencións artísticas en centros educativos, dentro da programación sobre Rosalía, a Vicepresidencia da Deputación mantén en xira polos concellos dúas obras teatrais sobre a autora: “Libra coma os paxaros”, de Teatro do Atlántico, que se representou durante o mes de marzo e abril en Sarria, A Pobra do Brollón, Chantada, Meira e Ribadeo, e “A Viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, que pasou por Barreiros, Quiroga e Becerreá.