O IES Sanxillao de Lugo amplia as súas instalacións de Hostalería e Turismo

LugoXa
As obras céntranse agora en completar os interiores do novo edificio, xa construído, e conectalo co actual a través dunha pasarela
Obras San Xillao Xunta
17 Jun 2022

O IES Sanxillao aumentará, o vindeiro curso, as súas instalacións logo da execución das obras de ampliación coa que gañará 622 metros cadrados de superficie útil nunhas novas instalacións destinadas aos ciclos de FP da familia de Hostalería e Turismo.

Xa está totalmente finalizada a obra do edificio existente, onde as reformas afectan a 726,64 metros cadrados de superficie. Así, a intervención inclúe modificar os vestiarios e os aseos da planta baixa; redistribuír os espazos no primeiro andar para crear un taller que faga as funcións de bar-cafetería, unha aula de cata e unha aula polivalente; e crear unha segunda aula polivalente e un almacén para material e mobiliario no segundo andar.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o instituto acompañado de membros do equipo directivo para comprobar a marcha da actuación, na que o Goberno galego inviste 1,8 millóns de euros. Explicou que neste momento os traballos céntranse en completar os espazos interiores do novo edificio, xa construído, así como en executar a pasarela que o conectará co inmoble existente. Tamén se realiza unha escaleira exterior de evacuación en caso de incendios.

Arias destacou que o futuro volume permitirá contar con talleres para a elaboración de panadaría e repostaría; outros dous para preparar pratos fríos ou quentes e un taller-restaurante. Apuntou que esta semana xa se recibiu no centro o novo equipamento que se instalará, incluídas cociñas, fornos ou trens de lavado, entre outro material.

Arias incidiu en que o IES Sanxillao oferta ESO, todas as modalidades de Bacharelato e Formación Profesional da rama de Hostalería e Turismo, “un eido no que este centro xa é todo un referente”.

Así, salientou que o vindeiro curso refórzase a oferta de ciclos coa implantación de dous novos, o superior de Guía, información e asistencia turística e o medio de Panadaría, repostaría e confeitaría, “un ámbito no que existe moita demanda por parte das empresas”, resaltou o delegado.

O centro conta actualmente con 725 alumnos e alumnas matriculados, 363 deles na ESO; 210 en BAC e 152 nos ciclos de Formación Profesional de réxime ordinario (123) e de adultos (29).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18655300140381