O II Torneo de Xadrez Intercentros congregou 152 estudantes de oito institutos de Lugo

LugoXa
Guillermo López Jaimes, Mauro Maseda, Mateo Marcos, Uxío Vilariño, Marcos Vega e Alejandro Franco, protagonistas na segunda edición do torneo
II-Torneo-de-Xadrez-Intercentros-Lugo
27 Mar 2026

A Praza de Bastos encheuse de estratexia, concentración e talento novo coa celebración do II Torneo de Xadrez Intercentros, unha iniciativa organizada pola Concellería de Educación en colaboración coa Escola Luguesa de Xadrez que acadou un notable éxito de participación.

O evento reuniu a 152 estudantes procedentes de oito institutos da cidade, transformando o espazo público nun auténtico escenario dedicado ao xadrez.

O torneo disputouse en formato de cinco roldas, cun ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos por xogada, o que permitiu partidas áxiles e moi competitivas. Ao longo da xornada vivíuse un excelente ambiente de convivencia e deportividade, no que o alumnado amosou non só o seu nivel de xogo, senón tamén valores como respecto, concentración e compañeirismo.

Cómpre salientar a colaboración do IES Sanxillao, que contribuíu ao bo desenvolvemento da actividade ofrecendo aperitivos quentes aos participantes, un detalle moi valorado polos 152 xogadores, que puideron recuperar forzas entre rolda e rolda.

Na clasificación individual, os gañadores foron Guillermo López Jaimes (1º ESO, IES Xoán Montes), Mauro Maseda Iglesias (2º ESO, IES Lucus Augusti), Mateo Marcos Barreira (3º ESO, IES Leiras Pulpeiro), Uxío Vilariño Lorenzo (4º ESO, IES Ánxel Fole), Marcos Vega Varela (1º Bacharelato, IES Ánxel Fole) e Alejandro Franco Losada (2º Bacharelato, IES Sanxillao).

Na clasificación por equipos, o IES Ánxel Fole acadou o primeiro posto, seguido do IES Lucus Augusti en segunda posición e do IES Leiras Pulpeiro en terceira.

A segunda edición do Torneo de Xadrez Intercentros consolídase como unha cita destacada no calendario educativo da cidade, fomentando o interese polo xadrez entre a mocidade e promovendo o uso dos espazos públicos como lugares de encontro, aprendizaxe e participación.

0.12404894828796