O Impulso Verde acolle as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo, Evislusa

LugoXa
Evislusa, trasladará a súa sede do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a este pioneiro inmoble construído no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico
Impulso verde
Impulso Verde
24 Maio 2024

O edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, acollerá dende este ano as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo de Lugo, Evislusa, que trasladará a súa sede do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a este pioneiro inmoble construído no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. Así o avanzou a alcaldesa, Paula Alvarellos, quen explicou que “nas vindeiras semanas iniciarase o traslado coa idea de que antes do verán o persoal de Evislusa xa poida estar plenamente operativo nestas modernas instalacións”.

Neste senso, Alvarellos explicou que a decisión de desprazar este servizo ao Impulso Verde xa lle foi comunicada persoalmente aos traballadores e traballadoras. Dende que a nova alcaldesa tomou posesión, un dos asuntos que valorou foi que servizo, polas necesidades de espazo e a idoneidade para adaptarse ás características do Impulso Verde, se adaptaba mellor para trasladarse a estas dependencias, tendo en conta que o edificio, ademais de albergar a Evislusa, conservará unha zona expositiva e un espazo dedicado ao emprendemento, mantendo os usos que estaban previstos inicialmente para este inmoble.

Deste xeito, “na planta baixa permanecerá a exposición sobre o proxecto LIFE e o proceso construtivo do edificio, tal e como está configurada actualmente, ao tempo que compatibilizará nesta e na primeira planta o uso como sede da Empresa de Vivenda e Solo; mentres que o segundo andar albergará unha das iniciativas vinculadas ao Plan de Sostibilidade Turística, que consistirá nunha lanzadeira emprendedora cuxo obxectivo é dar impulso a proxectos innovadores, no sector turístico. Finalmente a planta alta reservarase para a celebración de actos ou eventos”, sinalou.

O feito de que o edificio conte con dúas entradas independentes facilitará o uso compartido das instalacións, que seguirán mantendo, así mesmo, a súa función divulgativa. A este respecto, o inmoble cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, cunha importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Paula Alvarellos. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

0.19189286231995