O Impulso Verde acolle unha cata literaria con Enfermera Saturada
O edificio municipal Impulso Verde, situado na Garaballa, acollerá este xoves, 26 de outubro, unha cata literaria co escritor lucense Héctor Castiñeira, máis coñecido como Enfermera Saturada, no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico que acolle a cidade de Lugo ao longo desta anualidade.
A través desta iniciativa, o executivo municipal busca poñer en valor e visibilizar a obra de autores galegos e portugueses, ao tempo que se dan a coñecer produtos autóctonos de ambas rexións mediante degustacións de produtos de tempada.
A cita terá lugar a partir das 20:00 horas con entrada de libre e de balde ata completar aforo. “Estas catas literarias permítennos coñecer máis polo miúdo, dun xeito case íntimo, ao autor e á súa obra, mantendo un diálogo cos mesmos, mentres os participantes teñen a oportunidade de probar os produtos típicos de ambas marxes do Miño”, lembrou a alcaldesa Lara Méndez.
Deste xeito, a cata literaria seguirá o seguinte guión: repaso por parte do escritor da súa traxectoria literaria, presentación da súa última obra, preguntas e respostas aos asistentes; firma de exemplares e, a continuación, unha cata de produtos portugueses e galegos.
Na cita deste xoves haberá embutido portugués típico da rexión de Tras-Os Montes do Noroeste de Portugal; queixos portugueses (Alentejo e Río de Moinhos); vasos de queixo do Cebreiro con crema de castañas e noces de Montefurado; e, para acompañar viño portugués Mateus Rose, viño branco de Porto, e viño Albariño Ancora.
Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com.
Sobre o autor
Enfermera Saturada (Héctor Castiñeira) defínese como unha enfermeira española que busca facerse un oco na sanidade. Empeza as quendas en planta, baixa á UCI, sobe a prematuros e termina en urxencias. Esta enfermeira manéxase como poucas nas redes sociais, desde onde a diario decenas de miles de persoas ven como repasa, con humor e descaro, a actualidade do seu hospital e a de calquera hospital de España.
O lucense publicou o pasado mes de xuño o seu novo libro La sonda del viento, que presentará ante os participantes na cata.