O Impulso Verde atrae a Lugo a asemblea anual de FSC España

LugoXa
O Impulso Verde atrae a Lugo a asemblea anual de FSC España como exemplo e referente de políticas públicas que apostan pola sostibilidade
festa do cocido santa leocadia
21 Xuño 2023

Con motivo deste encontro, FSC e a USC, da man do Concello, organizan o xoves unha xornada de portas abertas con mesas redondas e visitas guiadas ao edificio municipal.

O edificio municipal Impulso Verde, construído na Garaballa como unha aposta polas políticas públicas sostibles, dentro do programa LIFE Lugo + Biodinámico, acollerá esta semana a asemblea anual de socios de FSC España, unha organización sen ánimo de lucro dedicada a promover a xestión ambientalmente apropiada, socialmente beneficiosa e economicamente viable dos bosques en todo o mundo.

Méndez agradeceu á entidade que teñan elexido a cidade de Lugo como sede para celebrar o seu encontro de 2023. “É unha honra para o noso municipio acoller un encontro destas características, tendo en conta que somos un concello que aposta pola sostibilidade, como eixo transversal de todas as nosas accións de goberno”, apuntou.

Con motivo desta asemblea, FSC España e a Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) da USC organizarán o xoves, da man do Concello, unha xornada de portas abertas no Impulso Verde baixo o título: "Unha viaxe cara á sustentabilidade urbana desde a xestión forestal responsable: historia do edificio Impulso Verde”, para realizar un percorrido desde o monte e os seus aproveitamentos ata a construción do edificio Impulso Verde, da man dos arquitectos, investigadores, provedores, empresas construtoras e entidades que participaron no proxecto.

“Coa celebración desta xornada quérese mostrar que é posible un desenvolvemento urbano compatible co respecto aos bosques e ao medio ambiente en xeral” avanzou a rexedora, ao tempo que lembrou que “o Impulso Verde, recentemente inaugurado, é o primeiro edificio en España en obter a certificación FSC de proxectos, unha icona de urbanismo sostible que demostra como a certificación forestal, a madeira e os proxectos construtivos certificados FSC, contribúen a crear cidades máis sostibles”.

O Impulso Verde é, ao mesmo tempo, a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se deseñará dende cero en España e un exemplo de como o uso de madeira local e certificada pode axudar á necesaria descarbonización do sector da construción.

A xornada do xoves contará con mesas redondas sobre o uso da madeira na construción sostible e visitas guiadas ao Edificio Impulso Verde, á empresa subministradora da madeira certificada FSC do edificio, Hijos de Ramón Rubal S.L. en Alfoz (Lugo) e ao monte certificado FSC de SOFOR Monte Uceira en Pol (Lugo).

A inauguración da xornada será realizada pola rexedora, Lara Méndez; que estará acompañada por Esperanza Álvarez, catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de investigación Uxafores; e por Alberto Vermello, catedrático na EPSE da USC e presidente de FSC España.

Durante o evento realizarase a entrega do Certificado FSC de Proxectos ao Concello de Lugo, impulsor do edificio Impulso Verde, por parte de APCER, entidade certificadora encargada de auditar o proxecto e emitir o certificado. O Certificado FSC de Proxectos obtido garante que toda a madeira local empregada procede de fontes sostibles e controladas.

Participantes e ponentes

A xornada de portas abertas contará, ademais, coas intervencións e participación institucional do Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e do director da XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal. Por outra banda, participarán os principais membros do equipo encargado do proxecto do edificio: Susana Penedo Souto, arquitecta no Concello de Lugo, os arquitectos colaboradores Belén Feijóo e José Antonio Lorenzana (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela.

E tamén representantes das empresas construtoras a cargo da obra: Iker Irurtia, enxeñeiro de estruturas de madeira de Egoín, construtora principal, e Miguel Ángel López, da empresa Avaliño Construcións. Ademais, terán presencia empresas galegas destacadas da industria da madeira, como Xilonor, fabricante de CLT, así como a empresa municipal do Concello de Lugo para desenvolvemento de chan e vivenda (Evislusa).

Forest Stewardship Council (FSC)

FSC España, con 20 anos de traxectoria, conta con máis 655.970 hectáreas de monte español certificado FSC e 36 titulares de certificados de Xestión Forestal; e 1.501 empresas certificadas con cadea de custodia. En 2022 o seu incremento en hectáreas certificadas foi do 38%.

FSC España celebra deforma anual a Asemblea de Socios de FSC España, órgano de gobernanza e plataforma de diálogo, onde os socios participan na toma de decisións que afectan o desenvolvemento da propia organización e á implantación da xestión forestal sostible en España. Nesta anualidade 2023, Lugo será a sede desta Asamblea ao considerar ao Impulso Verde como un exemplo e referente de políticas públicas que apostan pola sostibilidade.

0.16434907913208