O Impulso Verde foi recoñecido polo Clúster da Madeira

LugoXa
O edificio municipal Impulso Verde, promovido no marco do proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, foi homenaxeado este venres por parte do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), con motivo da celebración do Día Mundial da Construción Sostible.
premio edificio impulso verde
22 sep 2023

O edificio municipal Impulso Verde, promovido no marco do proxecto europeo LIFE Lugo+Biodinámico, foi homenaxeado este venres por parte do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), con motivo da celebración do Día Mundial da Construción Sostible.

A agrupación de empresas madereiras elexiu o inmoble para conemorar esta efeméride polas súas singulares características no seu proceso de planificación, desenvolvemento e execución, con avances ambientais como a utilización da madeira como elemento estrutural ou o seu consumo enerxético case nulo, reducindo nun 90% as emisións de CO2 á atmosfera con respecto a construcións con outros materiais como o formigón ou o aceiro.

O acto deste venres estivo presidido pola alcaldesa e o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, quen leu un manifesto a favor do uso da madeira en construción. Tamén participaron o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya; o director de Pemade, Manuel Guaita; e os arquitectos responsables da obra, Susana Penedo e Benigno Jáuregui.

Méndez agradeceu ao Clúster da Madeira que tiveran escollido o Impulso Verde para conemorar esta data simbólica por ser “un edificio referente na loita contra o cambio climático, contando cunha estrutura realizada de forma íntegra con madeira local, sendo o primeiro edificio en España en obter a certificación FSC de proxectos, que garante que toda a madeira empregada procede de bosques xestionados de forma responsable, ademais doutras moitas particularidades do seu deseño que o converten nunha icona internacional”.

“Actualmente estamos a explotar todo o potencial divulgativo desta obra arquitectónica que esperta interese de técnicos no só a nivel nacional, senón a nivel internacional e que permite achegar á poboación o modelo de cidade que aspiramos acadar. O éxito do edificio está a situar a Lugo como administración local referente a nivel europeo na promoción da arquitectura sostible”, lembrou Méndez.

Pola súa banda, o presidente do CMD felicitou ao Concello de Lugo pola súa aposta decidida pola sostibilidade tamén no ámbito da construción e o deseño dos novos edificios municipais. “O Impulso Verde é un proxecto que levábamos tempo seguindo con moito agarimo, por iso quixemos celebrar este día tan importante para nós nas súas instalacións”, explicou.

José Manuel Iglesias puxo en valor o inmoble "non só polos seus valores a nivel de aforro enerxético e de redución das emisións de gases contaminantes, senón tamén polo seu impacto psicolóxico nas persoas e os seus efectos reductores no estrés, similares á natureza no seu conxunto”. “Por iso é importante non só construír en madeira, senón tamén empleala nos espazos interiores e exteriores para acadar un beneficioso efecto terapéutico”, engadiu.

A Xunta Directiva do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia escolle todos os anos unha construción que represente a defensa dos criterios sustentables na súa execución. Entre as obras seleccionadas noutras edicións, destacan o Museo de Historia Natural Luis Iglesias, a piscina Acor, a Escola Infantil A Baiuca, o Mirador da Cova ou o Centro de Urxencias de Laracha.

0.20021104812622