O Impulso Verde recibe a visita do Colexio de Arquitectos de Asturias
Membros do Colexio Oficial de Arquitectos de Asturias coñeceron, in situ, as características construtivas e particularidades técnicas do edificio municipal Impulso Verde, promovido polo goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.
Deste xeito, o Concello continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo tamén da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que teñen o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e o primeiro de España en contar coa certificación FSC de proxectos, un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.