O incremento de visitantes e o éxito expositivo marcan o 2024 no Museo Provincial de Lugo
O Museo Provincial de Lugo pechou o ano 2024 cun total de 44.870 visitantes, o que supón un incremento do 18 % respecto ao ano anterior, cando recibiron 37.249 visitas. Durante os meses de xuño, xullo e agosto concentrouse o 40 % das visitas anuais.
O inicio do verán, coincidindo coa exposición temporal da “Sibila” de Velázquez, xunto cos meses de febreiro e novembro, destacaron por rexistrar os maiores aumentos de visitantes, superando o 50 % máis en comparación co ano anterior. Durante febreiro, a mostra 'Eu son. A memoria das rapadas' e as actividades polo Día de Rosalía atraeron a un significativo número de persoas, ao igual que a exposición conmemorativa do centenario da revista lucense Ronsel en novembro.
Pola procedencia, 4 de cada 10 visitantes eran da cidade de Lugo e do resto de Galicia, mentres que o 44 % proviña doutras partes de España e un 15 % do estranxeiro.
As cifras reflicten un ano exitoso marcado por exposicións destacadas. A presenza temporal da obra 'Sibila' de Velázquez, do Museo del Prado, foi un evento remarcable dentro do proxecto 'El arte que conecta'.
Ademais, o Museo centrouse na promoción de arte feminina contemporánea con exposicións como a das artistas catalás Mónica e Gema Del Rey Jordá sobre a memoria das mulleres rapadas durante a ditadura franquista, ou 'As 7 e 7', con obras de sete artistas galegas emerxentes.
Durante o ano, tamén se mostrou a serie escultórica 'Emocións' de Soledad Penalta, desde abril ata setembro, e o aporte á creación feminina continuou coa adquisición dunha decena de pezas de mulleres artistas, entre elas 'Visibilidade' de Penalta, peza que simboliza a loita das mulleres pola igualdade e o recoñecemento en diversos ámbitos.
Polo outro lado, o Museo tamén puxo en valor a creación artística lucense a través da mostra 'Ronsel, 100 anos despois', promovida pola Fundación Vac-An, en conmemoración do centenario da revista fundada por Evaristo Correa Calderón, un referente nos discursos artísticos das vangardas.