O Instituto de Estudos Ulloáns celebrará o Día das Letras Galegas no castelo de Pambre
O Instituto de Estudos Ulloáns celebrará o Día das Letras Galegas 2023 o sábado 20 de maio ás 18,00 h cun acto conmemorativo no castelo de Pambre de Palas de Rei.
Actuarán no acto o poeta e escritor naviego Toño Núñez acompañado polo músico palense José Manuel do Castro (Santo Xusto), que interpretarán versos musicados da literatura galega, dende a lirica medieval (Martín Códax) aos grandes autores do século XX (Castelao, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Manuel María e Bernardino Graña), pasando pola lírica popular e polo rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal).
Das lecturas de poemas dos autores homenaxeados nos Días das Letras Galegas e de textos de Francisco Fernández del Riego encargaranse o poeta Xosé Luís Santiso; o escritor e director do IES do Camiño, Fernando García Penas; o coordinador de actos culturais do IEU, Braulio Vilariño, e o director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo.