O Instituto de Estudos Ulloáns está a traballar en tres novas publicacións este ano
O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) naceu en 2015 nunha aldea á beira do río Ulla, concretamente na palleira da casa de Laxe, da aldea de Chorexe, da parroquia de Pidre, do concello de Palas de Rei. Seguramente o IEU é o único Instituto de Estudos que naceu nunha palleira, a construción máis representativa do mundo rural ulloán. Ser de aldea é unha maneira de ser e de sentir dos galegos, neste tempo, nos tempos pasados e nos futuros. Aquelo co que nos identificamos e co que os demais nos identifican. O orgullo de ser nos mesmos.
Foron 22 os socios e socias fundadores, hoxe son 156 socios numerarios, 2 socios de honor (Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia Galega, e o historiador Carlos Méndez), 4 socios institucionais (concellos de Monterroso e de Palas de Rei, e IES do Camiño de Palas e IES de Monterroso) e 4 socios protectores: GADISA, Granxas Campomayor, Jimsports e o Hotel Balneario Río Pambre.
O modelo de organización que escolleron foi o do antigo Seminario de Estudos Galegos (SEG). Partindo dun modelo organizativo clásico e de corte académico, pero iso non limita en ningún caso as súas accións. É unha vella receita para tempos novos, a sinerxía entre o vello e o novo agro. Como o SEG, tamén o IEU está estruturado en Seccións, que van dende a arqueoloxía ou a filoloxía ata o medio ambiente. As seccións funcionan con certa autonomía e as súas actividades están centradas sempre na comarca da Ulloa.
Na actualidade, a sede mantense en Monterroso, pero desenvolven a súa actividade cultural nos tres concellos da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei).
Afianzar a identidade da comarca da Ulloa
A finalidade do Instituto é o de afianzar a identidade da comarca da Ulloa. Unha comarca situada no centro xeográfico de Galicia . Unha comarca con valores e costumes propios, porque, como dicía Otero Pedraio “cada rexión do planeta ben caracterizada ten o seu propio sistema de interpretación do mundo”.
O obxectivo fundamental do Instituto é o estudo, a divulgación e a protección do patrimonio da Ulloa, tanto cultural como natural, entendendo a cultura no seu concepto mais amplo, tanto a cultura material como inmaterial.
Isto faino a través de diversas actividades e proxectos que realizan ano a ano. Dende o Instituto destacan cinco delas como as máis importates.
O seu maior logro é a revista Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, que acadou unha gran relevancia e está hoxe nas bibliotecas das principais institucións e centros culturais de Galicia. As presentacións da revista, que realizaron en Lugo, Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, tiveron un gran eco nos medios de comunicación.
Esta palabra Cairón, nome da revista, foi a palabra que se inventou o poeta Lorenzo Varela e que, estando no exilio en Bos Aires, escribiu o poema “Ofrenda aos franceses”, dedicado ao exercito que liberou París dos nazis en 1944, e no que din el non ten nada que ofrecerlles e que o seu único agasallo é esa palabra Cairón. Representa por tanto esta palabra a liberdade e a esperanza dun mundo mellor, e dalgún xeito é tamén o noso emblema.
Nos cinco números que levan publicados de Cairón contan con aportacións de especialistas nos mais diversos temas, dende etnografía, arqueoloxía, historia, persoeiros, ata cooperativismo ou diversidade, flora e fauna da comarca da Ulloa.
O segundo maior logro foi o centro xeográfico de Galicia e o nacemento do río Ulla. En novembro de 2019, a instancias do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), o Instituto Geográfico Nacional (IGN) emitiu o informe oficial e definitivo da localización do Centro Xeográfico de Galicia, que situou na aldea de Nugallás, en Antas de Ulla. En decembro de 2019 o IEU convocou unha rolda de prensa en Lugo para dar a coñecer este informe aos medios de comunicación, e en febreiro de 2020 elaborou un informe técnico solicitando ás Administracións a súa intervención para divulgar e protexer este enclave, ao que respondeu inmediatamente a Deputación de Lugo co proxecto da creación do Parque Central de Galicia, que aspira a converterse nun espazo referencial para a comunidade.
Acadábanse deste xeito un dos obxectivos do IEU, e ao mesmo tempo dábanse por pechados os debates de carácter científico sobre a localización do Centro Xeográfico de Galicia, ademais de clarexar a confusión creada por slogans como o de “Corazón de Galicia”, rexistrado polo Concello de Chantada, ou o de “Km O”, rexistrado polo Concello de Lalín.
Quedaba para o IEU unha meta pendente, acaso unha das máis significativas, a da localización do nacemento do río Ulla, tema tan controvertido como o do Centro Xeográfico de Galicia. Algúns investigadores situábano na Serra da Vacaloura, no concello de Monterroso; outros na parroquia de Olveda, no concello de Antas de Ulla, e nos mapas do IGN na aldea de Cal de Mourelle, no concello de Taboada.
O estudo máis recente sobre este tema é o do xeógrafo Horacio García, socio do IEU e profesor de xeografía na Universidade de Santiago, que sitúa o nacemento do río Ulla na Chousa da Poteira, nos montes de Olveda, en Antas de Ulla. No último número de Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns o xeógrafo palense publicou o artigo “Onde `nace´ o río Ulla? Un percorrido científico na busca das súas fontes”, no que da as coordenadas precisas do nacemento do Ulla.
Outro dos grandes proxectos do Instituto foi a programación de exposicións na sala do Castelo de Pambre. Esta programación foi coordinada polo galerista Braulio Vilariño. O instituto leva realizadas máis de 25 exposicións de arte contemporánea galega. A primeira exposición foi “As nosas señoras do camino”, unha exposición de arte románica. A partir da segunda foron todas de arte contemporánea, de destacados pintores galegos e doutras comunidades, entre eles Lomarti, grupo Bacabú, Xoan Guerreiro, X.L.Seara, Vicente Prego, Anxo Cabada, Belkis Oliveira, JM Mendez, Kukas, Correa Corredoira, Vázquez Cereijo, Antón Patiño e Menchu Lamas.
Ademais, unha das actividades máis importantes é o Proxecto Flora da Ulloa, coordinado por Xurxo Mouriño que permite coñecer en profundidade a comarca. O biólogo e consultor ambiental Xurxo Mouriño leva organizadas e guiadas 32 excursións botánicas pola comarca da Ulloa en diferentes épocas do ano nas que se poden coñecer a flora e os endemismos da Ulloa.
Tamén conta con proxectos audiovisuais que axudan a promover e dar a coñecer a zona. Patricia Coucheiro González e Susana Varela Negro coordinan dous proxectos audiovisuais: “Fotografía e arquivo fotográfico e fonográfico”, no que recollen fotografías antigas da comarca da Ulloa, e “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, dentro do que se sitúa a exposición titulada “A Ulloa. Fotografías centrípetas” que foi instalada no pazo de San Marcos da Deputación de Lugo a finais de 2021 e tivo una grande repercusión nos medios. Trátase dunha exposición colectiva de dezaoito fotógrafas ulloás con creativas propostas audiovisuais, nas que, dende a diversidade e a análise crítica ou simplemente descritiva, aportan diferentes olladas de mulleres sobre o seu propio territorio, sobre a súa contorna, a modo de historia contada por elas mesmas.
Na actualidade, seguen na mesma liña que en anos anteriores, cunha espcial dedicación á protección de espazos de especial interese patrimonial como é toda a zona do Monte Farelo, en Antas de Ulla.
Nos próximos meses publicarán tres libros
“Achegas á simboloxía do románico da Ulloa”, libro de Xosé Lois García editado polo IEU e financiado pola Deputación de Lugo, con prólogo de Francisco Pardo Teijeiro, coordinador da edición.
“Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia”, libro monográfico de historia, etnografía e creación literaria coordinado por Aldara García Gómez e María José Gómez Alvite. Os autores : Goded Millán, S.; Gómez Alvite, M.J.; González Shuttlewort,A.; Gulías Lamas,X.A.; Ledo, Paco;Maseda, Martiño; Mesa, Adolfina; Moure Soengas, A.; Mouriño Lourido,J.; Núñez, Toño; Pardo de Neyra, X.; Pardo Teijeiro, F.; Pérez Alonso,L; Somoza López,M.; Varela Cadahía,C; Asociación Cultural e musical Tesmenteira; Técnicos de ordenación do terrirorio do IEU. Editado pola Deputación de Lugo, coa coordinación editorial do IEU.
“Proposta pedagóxica. Fotografías centrípetas”, Tomo I da colección “Ulloa audiovisual” . Colección editada polo IEU e coordinada por Patricia Coucheiro González e Susana Varela Negro. Editado pola Rede Museística Provincial da Deputación de Lugo e o IEU.