O Instituto de Estudos Ulloáns presenta en Monterroso o libro 'Ulla, Ulloa, Ulloáns'

O vindeiro domingo 24 de agosto, ás 18.30 horas, o Instituto de Estudos Ulloáns presentará no salón de actos do Centro Sociocultural de Monterroso o libro Ulla, Ulloa, Ulloáns, editado pola Editorial Medulia. A publicación reúne 17 poemas do escritor monterrosino Marco García Vaquero, residente en Irlanda.
O autor sinala que “as abellas fan mel, as persoas facemos historias”, unha idea que vertebra unha obra na que se evocan as paisaxes e relatos da comarca da Ulloa, así como a ameaza que suporía para toda a cunca do Ulla a instalación dunha fábrica de pasta de celulosa.
Na presentación intervirán Xosé Luis Santiso, Jesús Otero Calvo, Esperanza Díaz, Alba García e Francisco Pardo. O acto contará ademais coa actuación musical da Escola Infantil de Gaitas da asociación cultural Falcatrueiros, que poñerá o acompañamento musical a esta celebración literaria.