O internacional croata Dario Drežnjak incorpórase ao CB Breogán para reforzar o xogo interior

LugoXa
O ala-pivote, con experiencia en varias ligas europeas e un destacado lanzamento exterior, chega a Lugo tras competir en Italia e Chipre
Dario-Drežnjak-CB-Breogán
8 Jul 2025

O Club Baloncesto Breogán continúa perfilando o seu equipo para a nova tempada coa incorporación do ala-pivote croata Dario Drežnjak, un xogador de 27 anos e 2,04 metros de estatura que destaca pola súa intensidade en pista, capacidade para rebotear e acerto no lanzamento de tres puntos.

Nado en Mostar (Bosnia e Herzegovina) o 24 de marzo de 1998, Drežnjak posúe tamén a nacionalidade croata e forma parte da selección absoluta deste país, coa que participou en fases clasificatorias do Eurobasket e dos Xogos Olímpicos.

Formado nas categorías inferiores do club Široki, de Bosnia, deu o salto profesional ao KK Zadar, equipo co que competiu tanto na liga croata como na Liga Adriática (ABA).

No conxunto dálmata protagonizou unha sólida evolución, chegando a ser o segundo máximo anotador na tempada 2022/23 con medias de 14,3 puntos e 4,7 rebotes na liga doméstica, e 13,2 puntos e 4,7 rebotes na ABA. Na campaña seguinte, 2023/24, mantivo un rendemento constante con 12,7 puntos e 3,7 rebotes en Croacia e 14,1 puntos e 4,5 rebotes na competición adriática, mantendo unha efectividade en triplos próxima ao 37 % en ambas tempadas.

Na última campaña, o xogador militou en dous equipos da liga italiana: o GeVi Napoli, onde asinou 7,9 puntos e 3,1 rebotes en 8 partidos, cun 42,9 % de acerto en lanzamentos de tres; e o Vanoli Cremona, con 8,1 puntos e 3,1 rebotes en 12 encontros, cun 32,6 % en triplos. Posteriormente, fichou polo Keravnos BC de Chipre, co que disputou 10 partidos da liga regular, promediando 9,4 puntos e 4,3 rebotes en 21 minutos por encontro, cun 37,5 % de acerto desde o perímetro.

Drežnjak chega a Lugo para achegar tiro exterior, intensidade defensiva e presenza física no rebote, nun perfil de xogador que encaixa co estilo de xogo do Breogán. A súa versatilidade e experiencia en distintas competicións europeas supoñen un valor engadido para o plantel que dirixe o equipo lucense.

⚙ Configurar cookies
0.2027530670166