O investimento da Xunta no CPI de Friol increméntase ata os 830.000 euros
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou o resultado da segunda fase da rehabilitación do Colexio CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, coas que a Xunta incrementa ata superar os 830.000 euros o investimento na reforma integral do centro. A primeira fase destas melloras executouse no ano 2020.
A segunda fase, realizada no 2024, incluíu obras de reparación da cuberta, cambio de canlóns e illamento da fachada do edificio número 3 do centro, que non se rehabilitou na anterior ocasión. Na primeira fase, executada sobre os edificios 1 e 2, realizáronse traballos de cambio de cuberta e illamento de fachadas, ademais de mudar as fiestras por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e persianas con illante térmico. A actuación completouse coa instalación de luminarias led e falsos teitos, cambio de portas e reorganización de espazos, entre outras tarefas.
Román Rodríguez destacou que, intervencións coma esta, “son un claro exemplo da aposta da Xunta polo ensino no rural ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que estamos a modernizar as instalacións dos centros educativos de toda Galicia, facendo fincapé no benestar da comunidade escolar”.
O conselleiro quixo poñer tamén en valor o dinamismo deste colexio, o único centro educativo do concello de Friol, que participa en numerosas iniciativas no marco do Plan Proxecta, así como no Plan de mellora de bibliotecas escolares ou nos Clubs de lectura, entre outras iniciativas.