O Jalochos actúa este sábado na casa museo de Manuel María
Este sábado, 18 de xaneiro, ás 17 hrs, Os Jalochos presentan na Casa-Museo Manuel María o seu espectáculo A Landra viaxeira e o amigo Lambón. Un concerto musical dirixido para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e que ten como fío condutor unha viaxe musical pola natureza de Galiza na procura da festa.
Sabela Olivares e Suso Bello, Os Jalochos, proporán un concerto moi participativo e dinámico, cunha serie de xogos baseados en conceptos musicais (tempo, ritmo, dinámica), e nos que non faltará a percusión corporal, o baile e a lingua de signos.
O concerto recolle as cancións do audiolibro A Landra viaxeira e o amigo Lambón, un conto editado pola Companhia do Ruido, en que os dous protagonistas, Landra e Lambón, contan unha historia chea de música, cor, aventuras, novas amizades e singulares expresións que pola costa galega adoitan falar.
Para asistir ao concerto, co que se abre a programación cultural deste ano da Casa-Museo Manuel María, é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621