O labor de AFALU será visibilizado durante o partido de baloncesto deste domingo no Pazo
O partido entre o CB Breogán e o Coruña Basquet, que se disputará no Pazo dos Deportes de Lugo este domingo, 12 de xaneiro, servirá para dar visibilidade ao labor da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU).
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, e a vicepresidenta de AFALU, Iria Franco, presentaron a iniciativa enmarcada dentro do contrato de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o club celeste.
O CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais e nos espazos promocionais do Pazo dos Deportes a rede de recursos e servizos que AFALU ofrece para o acompañamento e apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias.
Efrén Castro e Salva Arco eloxiaron o labor de AFALU e destacaron a súa satisfacción polo impacto que estes espazos de visibilidade e difusión teñen para a entidade lucense. Subliñaron que a importancia deportiva e a expectación xerada por este primeiro derbi entre Breogán e Basquet Coruña permitirán chegar a un público máis amplo.
Iria Franco, vicepresidenta de AFALU, fixo un chamamento a recorrer á asociación, que conta cun equipo especializado e multidisciplinar para apoiar tanto ás persoas enfermas como ás súas familias nas diferentes etapas da enfermidade. Tamén destacou a relevancia da actividade física e o deporte na prevención e atraso dos síntomas destas enfermidades.
A iniciativa lévase a cabo dentro do acordo de patrocinio mediante o cal a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán. Este acordo inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización levadas a cabo por entidades sociais, o fomento do deporte e os hábitos saudables con visitas a centros educativos, así como a posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.