O latrocinio e a usura das eléctricas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
12 Nov 2021

Por Raúl Río

Nunha rolda de prensa dicíalle un periodista ao presidente de México, Antonio  Manuel López Obrador,”...que moitas empresas españolas desexarían volver a México, pero vótanse para atrás. Por iso lle volvo a formular a pregunta: Que temos que facer, indo das mans como irmáns que somos, para que estas relacións xeren esa confianza que lles fai falta aos mexicanos que van a España e aos españois que veñen a América?”, ao que, con toda parsimonia e a tranquilidade que o caracteriza, contestou sen acritude: “Pois o que se ten que entender é que hai una nova realidade en México e xa non se permite roubar. Iso é todo”.

É certo que nos países suramericanos que teñen gobernos de dereitas as multinacionais españolas que operan neses países fan verdadeiros latrocinios, como si seguiran sendo colonias españolas, chegando incluso ao asasinato de sindicalistas e de dirixentes indíxenas que se opoñen aos seus intereses, como seica fixo Unión Fenosa, á que chaman “Unión Perigosa” en Guatemala e á que vinculan co narcotráfico e acusan, segundo “Radio Mundo Real” e varias páxinas de Internet (ver http://www.radiomundoreal.fm/Union-peligrosa ), de contratar sicarios que asasinaron a varios activistas sindicais nese país, como din que fixeron con  Carlos Gálvez, Evelinda Ramírez e outra persoa mais, para sacar o maior beneficio, con unhas liñas e infraestruturas abandonadas e terceiromundistas.

Para rematar con este roubo, o presidente Mexicano vai nacionalizar esas empresas, pero non fai así o timorato e acovardado cos poderosos, o Presidente do “Goberno mais progresista da historia”. Nin o procónsul madrileño da Xunta, que anda abrazando ao lobby eléctrico como o borracho abraza os farois, para que pola porta xiratoria coloquen hoxe aos seus amigos nos Consellos de Administración dos oligopolios e agarda que o coloquen tamén a el o día de maña. Por iso nin sequera está disposto a recuperar para beneficio do pobo os encoros hidroeléctricos nin os parques eólicos  que remataron a adxudicación.

Un exemplo da voracidade descomunal das eléctricas españolas témola ao ver que en Portugal, tendo o mesmo mercado, non afecta tanto a subida da luz, mentres no Estado Español pulverizáronse todos os récords vistos até o de agora, alcanzando un prezo máximo de 288,53/MWh. o pasado 7 de outubro, pero en Portugal as subidas apenas lles afectaron, porque a súa factura está no mercado libre e aquí a maior parte dos consumidores témola no mercado regulado. Tanto é así que algúns lusos recoñecen que alí non se fala da luz e incluso, non teñen constancia de que subira.

Na Galiza, no ano 2020, a xeración de electricidade só con fontes renovábeis superou o consumo interno, polo que a enerxía que consumimos na nosa terra é producida co mínimo coste, pero pagámola ao máximo. Isto tamén destapa o mentireiro argumento que utilizaba Rajoy de que subía a factura porque non chovía nin facía aire, xa que choiva a brollón ou haxa furacáns, estas compañías do capitalismo salvaxe seguen cobrando o máximo para mellorar as contas de resultados, pois o sistema de determinación do prezo aprobado polo Goberno permítelles cobrárnola coma si se producira toda con carbón ou gas natural, que son as formas mais caras de produción. Algo así como se imos á praza e mercamos touciño, leite, patacas e percebes e temos que pagar todo iso ao prezo dos percebes.

Iso explica porque, no seu desmedido afán de beneficios, nun acto delituoso deixaron os pantanos baixo mínimos, co conseguinte prexuízo para o ecosistema e co fin de cobrar o producido coa auga almacenada a prezo de ouro; delito polo que gañaron centos de millóns de euros e polo que Feijóo lles impuxo unha multa de 25.000, que é o que gaña nun día o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, co que anda continuamente abrazado.

Eles tamén consideran Galiza unha colonia que exportamos carne humana e materias primas, levando os nosos recursos sen ningún beneficio para o noso pobo. Sendo produtores, pagamos a factura mais cara que os que a levan para o centro do imperio e nin sequera temos dereito a unha compensación. Tanto o goberno central coma o da Xunta están contra unha tarifa galega, porque seica sería unha discriminación para o resto do Estado, pasando así a ser nós os discriminados.

Aquí non temos un presidente que diga que “xa non se permite roubar”, senón que mais ben incitan o contrario; aquí tampouco as eléctricas inverten nada, ao igual que en México e no resto da América latina, polo que temos unhas liñas terceiromundistas e cortes de luz a cada pouco; os mellores vales asolagados por pantanos, os montes cheos de xigantes muíños de vento e liñas de evacuación, que tamén pagamos nós, levan gratuitamente o noso prezado produto para que alimente industrias alleas que crean riqueza noutras terras e que encima non cotizan aquí, senón no paraíso fiscal madrileño.

Penso que xa é hora de dar un golpe na mesa, sen acritude pero con firmeza, esixindo o que é noso, para darnos a respectar e que non se rían de nós.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16987299919128