O libro sobre Elías Valina Sampedro será presentado en Sarria e en Pedrafita
Con motivo do 35 aniversario do falecemento de Elías Valina Sampedro, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), conxuntamente coa familia e amigos do cura do Cebreiro, organiza unha serie de actos que hoxe se desenvolverán en Sarria e mañá no Cebreiro.
Así, Luís Celeiro, autor, e Laurie Dennett, tradutora, presentarán o libro 'Pilgrim Spirit: Elias Valiña and the Revival of the Camino 1959-1989' nos IES de Sarria. Ás 10.50 horas no Xograr Afonso Gómez e, ás 12.00 horas no Gregorio Fernández.
Ademais, ás 13.30, terá lugar, no Concello de Sarria, unha recepción do alcalde e a concelleira do Camiño de Sarria, Claudio Garrido e Reyes Abella, respectivamente. Neste acto participarán familiares e amigos de Elías Valiña, estudosos do Camiño de Santiago e demais persoas interesadas na temática xacobea, entre elas veciños de Sarria e do Cebreiro e representacións dos concellos do Camiño.
Os actos rematarán en O Cebreiro, o sábado 14, cunha xornada aberta na que participarán todas aquelas persoas que o desexen, nun parlamento memorial de Elías Valiña. Participarán veciños, amigos, estudosos do Camiño de Santiago, representantes da Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, das universidades, da igrexa e dos concellos da ruta xacobea.
Elías Valiña faleceu o 11 de decembro de 1989 despois dunha vida dedicada á protección e divulgación dos valores do Camiño de Santiago, á recuperación do mesmo e á restauración de O Cebreiro.
Os promotores da homenaxe destacaron o labor de Elías Valiña, nado en Lier (Sarria), o 2 de febreiro de 1929, e cura de O Cebreiro dende 1959 ata o seu pasamento; como investigador e a súa contribución ao desenvolvemento ecolóxico, económico, educativo, cultural e social do entorno e de Galicia.