O Lubicán Íntimo da comezo mañá cun concerto de Catuxa Salom
A cantante e compositora Catuxa Salom, unha artista con raíces arxentinas nada en Vilagarcía de Arousa, presenta mañá mércores 22 de febreiro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu primeiro traballo en solitario, Nunha aldea, no marco do concerto de apertura do Lubicán íntimo, un dos ciclos organizados ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
O primeiro EP de Catuxa Salom inclúe cinco temas creados na aldea de Pontenova, entre as montañas de Lugo, nos que fusiona folclore galego, ritmos latinoamericanos e música electrónica. As súas cancións son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces, ao tempo que constitúen un convite a conectar co pasado.
Catuxa Salom, quen xa está consolidada como unha das novas referencias do panorama electrofolk en Galicia, estrea na capital luguesa o seu último traballo logo de quedar finalista na última edición dos Premios Martín Códax na categoría de músicas do mundo e mestizaxe. A entrada ao concerto é libre e de balde ata completar o aforo.