O Lubicán Íntimo volve cun concerto de Elba
A Casa do Saber acolle este mércores día 1 de marzo un novo concerto no marco da programación do Lubicán Intimo. Ás 20.30 terá lugar a actuación de Elba.
Oscilando entre o clásico e o actual, entre o pop de radiofórmula e a vangarda ou entre Mecano e Wendy Carlos, Elba é unha das voces máis singulares dentro do panorama galego e nacional.
Graduada en violín e canto lírico, a cantante e productora santiaguesa Elba Souto, constrúe o seu mundo e o seu propio selo de identidade marcado polo uso de sintetizadores, voces atmosféricas ou elementos operísticos.
Coa súa marcada estética abarca tamén outras disciplinas artísticas como a danza, a cinematografía ou as artes plásticas. Proba disto é o seu primeiro LP La Magia Natural, composto e producido integramente pola artista.