O lucense finalista no campionato do mundo de oratoria: “A naturalidade é o que impacta nun discurso”

LugoXa
Óscar Rodríguez, que estudou no IES Ollos Grandes, representará a España na gran final que terá lugar na Universidade de Belgrano de Bos Aires o 17 de outubro
oscar-rodriguez-oratoria
22 Sep 2024

Lucía Blanco

“Voulles contar unha historia, pero non unha historia calquera, senón unha que me contaba miña nai cando era pequeno”. Así comezaba o discurso co que o lucense Óscar Rodríguez lograba meterse no peto ao xurado e ao público e convertíase nun dos catro mellores oradores en español de todo o mundo. O estudante, xunto co malagueño Alberto García, representará a España na gran final do campionato de oratoria en español que terá lugar na Universidade de Belgrano de Bos Aires o 17 de outubro despois dunha selección entre 400 participantes de 80 universidades e uns 20 países.

“Eu contaba con estar entre os 6-7 primeiros pero tiña a dúbida de se entrar entre os 4 que pasaban ou non”. O voto popular tamén tivo moito peso na selección que se realizou a través da media ponderada da cualificación tanto de expertos e votos do público. As cifras demostran a boa acollida que tivo o seu discurso que acumula máis de 26.000 reproducións e 2.000 likes. “Non mo esperaba para nada. Comparado co ano anterior, no que eu non participei, todos os primeiros clasificados temos moitísimas máis visualizacións e likes. O que implica chegar a máis xente e acadar a máxima difusión posible, que tamén é o obxectivo”.

A proba esixía unha temática de certa profundidade pero sen un excesivo grao de coñecemento. “Tratábase de combinar unha mensaxe un pouco profunda pero sen demasiada especialización para comprendela, algo relacionado coa vida de calquera persoa”. El optou por estruturar unha peza sobre como a reacción ao fracaso impacta “máis no noso éxito que o traballo duro, a vocación e mesmo o esforzo”. As datas nas que se celebrou a semifinal, preto dos últimos exames do curso e tamén do campionato de España, fixeron que contara con menos horas para afinar o discurso, pero iso non xogou na súa contra.

Pensar na mensaxe

“Quizais tiven menos tempo ca noutros campionatos, tamén pola práctica. Pero hai unha rutina de preparación que é pensar como achegar esa mensaxe ao público, máis que redactala ao completo ou memorizar palabra por palabra”, asegura. Óscar en vez de centrarse en aprender o texto, busca “pensar na mensaxe xeral, en que quero que pense o público cando chegue a casa. De feito, ningunha practica me saíu e dúas veces igual. O obxectivo era saber que quero dicir máis que como o quero dicir”. Un estilo que tamén vai a seguir na cita na Arxentina.

“O funcionamento é lixeiramente distinto. Hai semifinal e final, unha especial de final four que facemos todo no mesmo día. Debemos preparar un discurso, pero tamén hai un enfrontamento directo no que interactuamos co opoñente como nos torneos de debate. Dispoñemos dun tempo para atacar o que dixo o compañeiro e defender a nosa postura”. Se lle preguntan polo fundamental para un bo discurso, teno claro: a adecuación. “Hai persoas que adoitan preparar unha charla e logo chegan a onde sexa e recitan o mesmo e eu creo que a naturalidade é o que impacta. Debemos pensar que podemos aportar, enfocalo en que vai gañar a audiencia ao escoitarme”.

Ademais, un bo orador, en palabras deste lucense, ten que ser capaz de controlar os nervios. “Non de evitalos. Tamén ten que dominar o espazo, cousa que se consegue con preparación e práctica, e ter unha capacidade de achegarse, de ser alguén próximo a quen o escoite”, explica. Manter a calma ao falar en público nunca foi unha tarefa complicada para el, aínda que non todos corren a mesma sorte.

Controlar os nervios

“Recordo a un compañeiro que en 3º da ESO non era capaz de falar diante dos 25 compañeiros da clase, pero comezou a competir e acabou falando no Parlamento de Galicia fronte a centos de persoas. A clave que atopou foi ser consciente de que canto maior era a preparación menor era o medo e tamén poder pensar noutra cousa. Cando temos outro estímulo máis aló de gustarlle á audiencia axuda moito”.

Cursa primeiro de Economía e Estudos Internacionais en Madrid, pero Rodríguez acumula varios logros no mundo do debate dende a súa etapa no IES Ollos Grandes. “Viñeron uns rapaces doutro centro que facían debate, porque no meu non había, e montaron un club. Chamáronme de casualidade, porque non contaban comigo nun principio, e dende alí fun recibindo premios en Galicia e logo cheguei a esa primeira categoría universitaria a nivel nacional e comecei a acadar numerosos recoñecementos”.

Pouco a pouco, esta disciplinas gaña cada vez máis adeptos mesmo en Lugo, que celebrou en maio a primeira Liga de Oratoria, na que participaron 44 estudantes de 6 centros educativos. “Tivemos 8 equipos que hai anos aquí era impensable mesmo sacar 2 e para o ano volveremos a organizar a competición, que suma xa 12 neste momento”. Máis aló das vantaxes a nivel comunicativo, Óscar anima a darlle unha oportunidade polos numerosos beneficios que aporta a nivel persoal.

“Hai institutos que non queren participar polo medo de perder e hai que cambiar a mentalidade. Evidentemente todos queren gañar, pero o importante é que hai unha serie de habilidades que polo simple feito de estar debatendo vas a desenvolver”. Entre elas, enumera o traballo en equipo, a cooperación e a importancia da retroalimentación. “Ao final do debate os xuíces dinche que podes mellorar. Esas habilidades están un pouco á marxe do instituto e das actividades extraescolares e só por achegarse ao que é o futuro profesional e persoal despois do instituto e da universidade xa merece a pena intentalo”, conclúe.

0.17011499404907