O lucense Héctor Salvador, primeiro español en baixar á Fosa das Marianas, recoñecido pola Sociedade Xeográfica Española

LugoXa
O lucense Héctor Salvador Fouz acaba de ser recoñecido pola Sociedade Xeográfica Española co Premio Viaxeiro do Ano 2023.
hector_salvador_fouz
16 Abr 2024

O lucense Héctor Salvador Fouz acaba de ser recoñecido pola Sociedade Xeográfica Española co Premio Viaxeiro do Ano 2023. En abril do 2021 o nome deste enxeñeiro aeronáutico e piloto de submarinos saltaba aos medios ao converterse no primeiro español en baixar á Fosa das Marianas, viaxe coa que logra o galardón.

As crónicas precisaban que chegara aos 10.706 metros de profundidade do abismo da Sirena, dentro dun somerxible do tamaño dun Mini. Unha vez alí, dedicouse á contemplación a través do ollo de boi de criaturas descoñecidas que tiñan a súa mesma estatura e comeuse un bocadillo de xamón.

Nado en Lugo no 1983, Salvador é un experimentado piloto de somerxibles tripulados e director de operacións de Tritón Submarines, a empresa que construíu o batiscafo que fixo posible a fazaña. Estudou Enxeñería Aeronáutica en España e Enxeñería de Sistemas Espaciais en Holanda. Tras anos apoiando a educación espacial, a investigación en microgravidade e a cooperación internacional en LEEM, a Axencia Espacial Europea ou a Federación Astronáutica Internacional, decidiu cambiar o foco da súa paixón da exploración do espazo exterior ao interior.

Deste xeito, fíxose instrutor de mergullo e piloto de somerxibles no 2012. Esa experiencia permitiulle denunciar que no mar hai “auténticas entulleiras que afectan á vida mariña”. Héctor Salvador é Académico Correspondente da Real Academia da Mar, fundada en 2005 e cuxo obxectivo primordial é defender os intereses marítimos de España.

https://galiciaxa.com/2021/05/lxa/zonas-lxa/lugo-lxa/89871/

0.17945599555969