O lucense Iván Prado volve a Palestina co Festiclown
O lucense Iván Prado volve con Pallasos en Rebeldía aos territorios ocupados palestinos entre os días 21 e 30 de setembro, percorrendo distintas cidades do lugar para levar alegría a unha zona que levan máis de 70 anos baixo ocupación. O Festiclown viaxará a distintas cidades de Cisxordania, Gaza e a Xerusalén Este coas mellores compañías de circo tanto nacionais como internacionais para sembrar risas entre nenos, nenas e persoas adultas palestinas, que viven no seu día a día as consecuencias da ocupación israelí.
Iván Prado, fundador de Pallasos en Rebeldía, salienta a importancia que ten para el o festival: “Volvemos a Palestina porque despois dos bombardeos que sufriu a Franxa de Gaza en agosto é fundamental que a poboación local vexa que Pallasos en Rebelía continúa acompañando a súa loita pola liberdade e vexan que non están sos”. O Festiclown, así se chama este festival de circo e risas que percorre as zonas máis desamparadas do planeta, naceu en 2011 e, dende ese momento, estivo en países como Palestina e Brasil.
O Festiclown nace da man do colectivo Pallasos en Rebeldía, que creou a primeira escola de circo do mundo nun campo de persoas refuxiadas, máis concretamente en Aida Camp (Belén), un lugar que se atopa rodeado polo muro divisorio construído por Israel e que sofre frecuentemente ataques por parte do exército sionista. “Este ano volvemos a Aida para seguir alimentando a nosa escola de circo”, explica Iván Prado.
Durante a viaxe participarán artistas da talla de Kanbahiota, Tchyminigagua, Daniel Blanco, os rapeiros Il Pekeño&Ergo Pro, así como as ilustradoras Julieta XLF, Iris Serrano e Irene Bofill. Dende a organización sinalan que tamén participarán das actuacións escolas de circo locais, salientando a importancia da Rebel Circus School do campo de persoas refuxiadas de Aida, fundada por Pallasos en Rebeldía: “O sentido da escola é dar información circense para que as crianzas e a rapazada de Aida teña ferramentas físicas, psicolóxicas e artísticas para sobrevivir á ocupación israelí”.