O Lucus Padel quere aumentar a familia
O Lucus Padel é un proxecto deportivo que quere crecer e facer crecer o pádel da cidade de Lugo. Así o conta Iván, un dos socios fundadores do Lucus Padel e, actualmente, un dos capitáns do equipo recén ascendido de categoría.
O pádel é un deporte que creceu de maneira paulatina ao longo dos anos, sobre todo, dende o ano 2009 en que cada vez máis persoas comezaron coa súa práctica. De feito, según datos do Consello Superior de Deportes o pádel superou en licenzas ao tenis no pasado 2019, algo que nunca antes ocorrera.
Así mesmo, a diferenza do resto de disciplinas, foi un deporte que aumentou en nivel de xogadores e xogadoras de forma brusca tras o comezo da pandemia. Desta maneira, despois de pasar a primeira ola, o pádel era un dos poucos deportes que se podía practicar -ao non ser deporte de contacto-, polo que moita xente comezou a ir e a aficionarse por esta disciplina disputada con palas.
No caso da cidade de Lugo, o pádel tamén foi un dos deportes que comezou co seu auxe. Un mes antes do comezo da pandemia no ano 2020, tres amigos apasionados por esta disciplina, viron unha oportunidade para traer o pádel a Lugo e facelo crecer, polo que crearon Lucus Padel, un club adicado a este deporte.
Sen embargo, e a pesar de que os inicios foron difíciles, pouco a pouco vai gañando seguidores, como comenta Iván, un dos socios creadores e un dos capitáns do Lucus Padel A, “ao principio foron momentos complicados porque tan só levábamos un mes abertos cando comezou toda esta situación. Nós abrimos o 25 de xaneiro e sobre o 13 ou 14 de marzo xa nos mandaron pechar. Foi duro polos gastos iniciais; a inversión fora grande; loxicamente os inicios son complicados, imaxínate nunha situación coma esta”.
Así pois, pouco a pouco a medida que pasaba o tempo, foi gañando recoñecemento e o crecemento desta actividade notouse, xa que era un dos poucos deportes que se puido seguir practicando. Actualmente, a situación está máis parada a causa do pouco movemento que ten Lugo nos meses de verán. Ademais, o bo tempo tamén inflúe para que as pistas de pádel estean algo máis vacías, algo que cambiará a medida que vaia pasando esta tempada “cando pararon as ligas de fútbol e baloncesto, todas esas persoas comezaron a xogar e, aínda que non xogan tanto coma antes xa que a actividade se foi retomando, quedaron as gañas de continuar con esta práctica”.
En canto aos equipos, Lucus Padel contou o pasado ano con dous equipos en liga galega, o Lucus Padel A e o Lucus Padel B. De feito, co primeiro conseguiu o ascenso a terceira división despois de quedar segundo na clasificación de liga e gañar na fase de ascenso a un equipo ferrolán. Sen embargo, a cousa non queda ahí senón que o obxectivo para o ano que vén e volver lograr unha hazaña así “o noso obxectivo para o ano é seguir crecendo e loitar para poder ascender a segunda división”.
En canto a proxectos de futuro, o Lucus Padel quere aumentar a súa familia para a vindeira tempada; a idea é ter un Lucus Padel feminino e un Lucus Padel C. En canto á base, a idea do club para cando volva a tempada é intentar lanzar unha escola de pádel para nenos e nenas “queremos crear canteira, algo que en Lugo non se está a facer demasiado e noutras cidades coma Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra sí. Trabállase moito coa canteira e como está voltando pouco a pouco a normalidade e os nenos e nenas xa volven a facer actividades, a nosa idea é facer unha escola para pequenos de entre 6 e 15 anos aproximadamente”, sinalou Iván.
Ao ser un deporte en auxe, aínda non existe unha competición de pádel para nenos e nenas como tal, sen embargo, sí que existen campionatos galegos de menores, competición onde Lucus Padel quere sacar equipo para que os máis novos que sintan ese encanto por este deporte, teñan a posibilidade de practicalo da mellor maneira posible.