O Lugar de Reque abre a inscrición para o obradoiro de alimentación e consumo responsable
O Espazo Permacultural Lugar de Reque, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na contorna do centro de cestería, no paseo do río Rato, acollerá os vindeiros 12 e 13 de febreiro un obradoiro de alimentación e consumo responsable.
O taller, impartido por Sara Lago de Cúrcuma e Pementa, mesturará contidos teórico e prácticos, de xeito que as persoas asistentes poderán afondar no impacto dos hábitos de consumo no medioambiente, na saúde e no tecido social e familiarizarse con nocións básicas de nutrición, ao tempo que aprenden a cociñar receitas con ingredientes saudables, seleccionados con criterios de consumo responsable.
A actividade conta así cunha metodoloxía participativa que facilita que os coñecementos e prácticas adquiridas teñan continuidade no día a día, e contribuír a crear unha conciencia de respecto e coidado da propia saúde e do planeta.
O obradoiro desenvolverase sábado e domingo, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, Desenvolverase nunha das aulas do taller de cestería, cun espazo reducido polo que as prazas están limitadas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo para solicitar a participación xa está aberto. Anotarase por orde de inscrición.
O obradoiro de alimentación e consumo responsable forma parte da programación organizada para desenvolver ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que incluirá un amplo abano de actividades ligadas á permacultura e á sostibilidade. Concretamente, para os meses de xaneiro e febreiro, planificáronse actividades ligadas a saúde e ao coidado persoal. Onte, sábado desenvolveuse un taller de cósmetica natural que esgotou as prazas nas primeiras horas de apertura de inscricións. Nos vindeiros meses desenvolveranse obradoiros sobre manexo de terras, bioconstrución ou aproveitamento enerxético.