O Lugar de Reque acolle un proxecto de aplicación da permacultura
No Lugar de Reque, no paseo do río Rato, desenvolverase un proxecto de permacultura pioneiro en Galicia. A finca, na que está ubicado o taller de artesanía do Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD), transformarase nun espazo de referenica para a divulgación, a formación e o intercambio de experiencias baseadas nos principios da permacultura e a bioconstrución, ligados ao uso respectuoso e consciente dos recursos naturais.
Esta iniciativa naceu da necesidade de poñer en valor este espazo natural, situado nunha contorna privilexiada. Apóstase por facelo a través dun proxecto de permacultura pola súa relación coa artesanía, dúas discipinas que conectan coas necesidades do presente e do futuro, que contan con modelos de produción e consumo sostibles.
Intervencións previstas
O proxecto presentado contempla a reestruturación da parcela, coa creación de diferentes espazos produtivos e recreativos que aproveiten as condicións naturais do terreo (orientación solar, dirección dos ventos ou recursos hídricos, entre outros).
Un dos elementos centrais nesa planificación é a creación dun bosque comestible, cunha mestura de plantas e árbores con funcións biolóxicas distintas e complementarias seguindo os patróns dos bosques naturais , e dunha horta en permacultura, na que se aplicarán técnicas agrícolas orientadas a maximizar a produción dunha forma respectuosa cos recursos naturais.
Crearanse tamén bancais e xardíns verticais de herbas medicinais e plantas aromáticas, que contribuirán á biodiversidade e servirán de mostrario das texturas, formas, cores e aromas da natureza; un estanque, no que confluirán os recursos hídricos da finca e as augas pluviais; e “hoteis de insectos”, estruturas con formas e materiais pensados para atraer especies de insectos beneficiosos para o ecosistema, a través da polinización ou como fonte de alimento para as aves.
Ademais, instalaranse de unidades de compostaxe para o aproveitamento de restos de poda e outros elementos orgánicos que se xeneren na propia finca, e noutros espazos naturais da cidade.
A reestruturación da finca completarase coa construción dunha aula multiusos, con materiais e deseños pensados para a autosuficiencia enerxética (auga de pozo propio, placas fotovoltaicas e un sistema de biomasa para a xeneración de calor) e unha xeración de residuos mínima (baño seco).
Os terreos contarán cun punto de fitodepuración, un espazo destinado á purificación e reutilización das augas residuais. Imitando os procesos de purificacion natural, empréganse plantas acuáticas e macrófitas en cooperación con microorganismos para eliminar toxinas de lodos, sedimentos e augas superficiais e subterráneas.
Espazo de formación e divulgación
As intervencións comezarán no outono e desenvolveranse de forma progresiva cun horizonte de dous anos. Os traballos realizaranse coa participación do público, para que a reestruturación do espazo sirva como experiencia práctica para as persoas interesadas nos principios e técnicas da permacultura e a bioconstrución.
Espazo lúdico
Na presentación do proxecto, tamén se destacou o cariz lúdico e recreativo que adquirirá o espazo, con zonas de xogos e espazos de esparcimento, especialmente pensados para os máis pequenos.