O lugar de Reque retoma a programación cunha xornada de poda de vimbio

LugoXa
Como vén sendo habitual, o Lugar de Reque, en Lugo, comeza as súas actividades cunha xornada de poda de vimbio, que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro.
Programa Xornada Poda Vimbio portada
16 Xan 2024

Como vén sendo habitual, o Lugar de Reque, en Lugo, comeza as súas actividades cunha xornada de poda de vimbio, que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro.

Trátase dun obradoiro dirixido a profesionais e afeccionados á cestería, entidades, asociacións e agrupacións educativas e culturais, particulares e público en xeral, incluíndo crianzas acompañadas. Para poder participar é preciso traer tesoira de poda e corda para o atado dos feixes.

Quen o precise poderá aproveitar a xornada para facerse de xeito gratuíto co vimbio que resulte da poda, obtendo así material para a elaboración das súas cestas, cabazos, sebes, aplicacións artísticas ou mesmo plantar directamente nas súas fincas.

Ana de Diego Ortiz e Mónica Iglesias Veiga encargaranse de acompañar e asesorar ás persoas participantes nesta tarefa, que servirá tamén para coidar e rexenerar a plantación de vimbio deste espazo natural, xestionado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O vicepresidente e deputado de Artesanía e Deseño convidou a participar nesta xornada "que vén sendo un punto de encontro para profesionais e persoas afeccionadas á cestería, e que dá continuidade as actividades de promoción da artesanía e da permacultura que se están a desenvolver no Lugar de Reque".

Inscrición aberta

A xornada estenderase de 10.00 a 19.00 horas. As persoas interesadas en participar deben enviar a solicitude ao enderezo lugardereque@deputacionlugo.org, indicando nome, DNI, teléfono e breve descrición do perfil profesional ou persoal. O prazo de solicitude está aberto desde hoxe ata o 31 de xaneiro.

0.15458393096924