O Lugo Cultural contará este ano con novas actividades

LugoXa
O Lugo Cultural volve un ano máis coa súa programación cultural que este ano 2023 contarán con novas propostas
Lugo Cultural 2023
8 Feb 2023

O convenio Lugo Cultural mantén en 2023 os ciclos xa consolidados de música, teatro, cine, fotografía, danza e visitas guiadas, ao tempo que renova a súa aposta pola videocreación, os foros de discursión e debate ou as intervencións artísticas na natureza. Este programa conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

Vinte e nove anos despois do nacemento do Lugo Cultural, unha iniciativa que dá conta da colaboración e coordinación institucional a prol da promoción de actividades artísticas na capital luguesa e da posta en valor dos espazos universitarios como escenarios culturais, o abano de actividades incluídas na programación de 2023 busca incentivar unha maior implicación da comunidade universitaria na cohesión social. A aposta pola sustentabilidade ambiental, a loita contra a exclusión social e o impulso da vida universitaria como xerme de iniciativas innovadoras a través da ciencia e da razón, son outros dos cometidos que persegue a USC a través dunha programación cultural ampla e heteroxénea.

Fiel aos seus comezos, o convenio Lugo Cultural 2023 mantén programas xa consolidados na súa programación, tal e como son o ciclo de cámara Músicas a carón da Mosqueira ou o Lubicán, que dá cabida a novos valores e intérpretes galegos. Teatro, cine, fotografía, danza, visitas guiadas á Domus do Mitreo e foros de debate científico e humanístico, son outras das disciplinas que conservan protagonismo de seu na programación cultural para este ano, unha oferta que tamén renova a súa aposta pola videocreación, o debate ou as intervencións sociais tanto en espazos universitarios como noutras localizacións da capital luguesa.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, fixo fincapé na súa intervención na colaboración institucional que fai posible renovar ano a ano o convenio Lugo Cultural, razón pola que fixo público o seu agradecemento ao manifesto apoio da Deputación e do Concello de Lugo, administracións que continuarán a participar no desenvolvemento dun programa que complementa a oferta cultural de Lugo, segundo dixo Tareixa Ferreiro.

Alén de salientar o entendemento entre as distintas administracións, Murias tamén se referiu á cultura como “a mellor canle de proxección social da USC e dos valores asociados ao debate académico e científico”, ademais de contribuír ao desenvolvemento da poboación moza, e a mellorar a calidade de vida e o grao de benestar de toda a cidadanía. Todos estes argumentos xustifican a forte aposta pola cultura que se fai desde a USC, dixo.

A técnica de Cultura da USC no Campus de Lugo e artífice da programación do Lugo Cultural, Paloma Lugilde, apuntou como novidades de 2023 a iniciativa Ao pé do carballo, que contempla unha intervención artística na carballeira das Pedreiras, a recuperación do ciclo Na Calzada, que ofrece a artistas locais que se atopan fóra un espazo na súa cidade para expoñer as súas creacións, a incorporación do ciclo de faladoiros Debates de Lúa ao programa do Lugo Cultural, a fin de extendelo desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría a outros centros das sede universitaria, ou a sesión Micro aberto, tal e como se denomina unha actividade programada na Facultade de Administración y Dirección de Empresas, onde a comunidade universitaria interesada poderá presentar as súas respectivas creacións artísticas.

0.16354084014893