O “Lugo do futuro”, cada vez máis preto
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones presidiu hoxe o acto de arranque dos traballos da nova glorieta que substituirá ao cruzamento entre a Nacional VI e a avenida Afonso X. Unhas actuacións que, segundo Miñones, “chegan á rúa e á veciñanza”.
Miñones estivo acompañado no acto pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, a quen agradeceu a súa colaboración para a materialización da obra. Tamén asistiu a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
José Miñones celebrou o inicio dunha obra coa que o Goberno salda, novamente, unha débeda coa cidade de Lugo: “máis de medio millón de euros para reparar unha nova inxustiza coa veciñanza de Lugo e que se suma a outras que tamén subsanamos, como o sanatorio do doutor Portela ou a reforma do viaduto histórico da Chanca, que estamos xa a acometer”, engadiu.
A actuación do Ministerio suporá un investimento total de 540.000 euros. Substituirá a actual intersección en “T” por unha nova glorieta entre a N-6 e a rúa Afonso X O Sabio, cunha configuración máis propia da contorna periurbana na que se sitúa. Con iso espérase unha mellora da seguridade viaria na zona, ao facilitar os movementos de entrada e saída da cidade, mellorando as conexións da nova ponte sobre o Miño en Lugo coa cidade de Lugo.
Esta intersección comunica zonas moi transitadas da cidade pola presencia do Campus Universitario, instalacións deportivas e o Parque do Río Miño.
Unha vez rematada, a nova glorieta terá a velocidade restrinxida a 50 quilómetros/hora (vía urbana) e estará conformada por dous carrís de 4 metros de ancho, con beiravía exterior de 1,5 metros. As conexións de acceso coa rúa Afonso X realizaranse con carrís de 3 metros de anchura onde se habilitan espazos para aparcamento e beirarrúas (para manter a situación actual).
Construirase ademais unha nova via peonil e de servizo no parque do Miño, para substituír á actual que se verá afectada polas obras.
O delegado repasou as cifras dos investimentos do Goberno para a modernización da comunicacións na provincia e que elevan a Lugo aos primeiros postos das provincias de España con maior investimento público por habitante. José Miñones destacou que o Goberno afronta xa a modernización da conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense con “545 millóns de euros para conectar Lugo co AVE e que servirán como revulsivo para a provincia e para o conxunto de Galicia”.
Xunto ás comunicacións, o delegado detallou outras partidas aprobadas para mellorar da calidade ambiental da cidade e impulsar a mobilidade sostible. Entre elas, os 3 millóns de euros, acordados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, para colaborar co Concello de Lugo no desenvolvemento de iniciativas de aforro e eficiencia enerxética de nove instalacións municipais.
Ademais, o Concello xa suma 5 millóns de euros de distintas convocatorias públicas vencelladas ao Plan de Recuperación. “Cinco millóns de euros para transformar a mobilidade no centro histórico de Lugo; dixitalizar e facer máis segura a administración municipal; impulsar a axenda urbana local , e dotar de acceso a internet de alta velocidade a máis de 2.500 empresas e vivendas da zona rural deste concello, que carecían ata hoxe deste servizo básico”.