O Lugo feminino ascende a Primeira Nacional nunha agónica final
O equipo feminino do CD Lugo logrou este domingo un fito importante na súa carreira, o ascenso a Primeira Nacional logo dunha agónica final.
As albivermellas tiveron que chegar aos penaltis para facerse co lugar na categoría superior. Remataron a liga na terceira posición da táboa de Primeira Galicia polo que se clasificaron para os play off. O equipo caeu da segunda praza nas últimas sesións, xa que estivo arriba durante case toda a competición.
Na fase de ascenso, derrotou ao Atlético Arousana na Cheda en semifinais para entrar na final, que se fixo en dobre partido. O Lugo caeu no primeiro duelo, disputado a domicilio por 2-1, o mesmo resultado co que remataron na Cheda este domingo, só que neste caso a favor, polo que houbo que forzar a prórroga, que tamén acabou sen goles, e chegar á quenda de penaltis.
Finalmente o acerto do Lugo coa pena máxima foi o que as puxo directamente en Primeira para o ano próximo.
O partido, que comezou trala gran tormenta que sacudiu Lugo desenvolveuse baixo a choiva e rematou cunha gran celebración no campo.