O Lugo Sala abre as portas da súa escola
Como en cada parte final de tempada, o Lugo Sala volve abrir as portas da Escola de fútbol sala para que nenos e nenas que non pertencen á entidade e queiran coñecer e probar a metodoloxía de traballo poidan facelo durante un longo período de tempo e así despois decidir se desexan incorporarse ao club para a próxima tempada 2024-2025.
As xornadas de portas abertas arrincarán o vindeiro luns 6 de maio e prolongaranse ata o mes de xuño cando finalice a presente tempada e os adestramentos. Esta actividade, totalmente gratuíta, é unha boa oportunidade para que todos aqueles rapa es poidan coñecer aos técnicos e adestradores que dirixen a escola, así como aos seus futuros compañeiros, e doutra banda os familiares vexan de primeira man o traballo que se realiza.
Estas xornadas de proba están destinadas para todas as categorías coas que conta o club (biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil), por tanto, para os nados entre os anos 2006 a 2020, contando o club con equipos masculinos, femininos e mixtos. Para participar nestas xornadas de portas abertas os interesados poden realizar as súas inscricións a través da ligazón.
Como novidade para a próxima tempada 24-25, na categoría biberón (anos de nacemento 2020 e 2019), tanto para os xogadores que renoven a súa praza como para novas altas no club, a cota será totalmente gratuíta. Os interesados en solicitar máis información poden facelo a través do 616 037 489 ou dos correos escuela@lugosala.com e info@lugosala.com.