O Lugo Sala celebrará o VI Torneo de Nadal desde o día 29
O VI Torneo de Nadal organizado pola ADC Lugo Sala arrinca motores. Xa foi presentado oficialmente o evento no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo por parte do Concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, así como o Presidente de Lugo Sala, Marcos Pereira.
Como en anteriores edicións este torneo de fútbol sala de base estará destinado para as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil e disputarase en dúas fases: o 29 e 30 de decembro coa previa autonómica e 66 equipos participantes mentres que para o 2, 3 e 4 de xaneiro chegará o prato forte coa fase nacional e un total de 40 equipos. O campionato unha vez máis reunirá a moitas das mellores canteiras do fútbol sala galego e nacional.
Os máximos responsables do deporte na cidade de Lugo e a súa provincia felicitaron a Lugo Sala por un ano máis organizar este evento que conta cunha enorme loxística xa que se disputará en cinco pavillóns da capital, cunha previsión de 163 partidos, e con máis de mil nenos e nenas participantes entre as dúas fases. Trátase por tanto de poñer a Lugo de novo no panorama español do fútbol sala de base e que será unha inxección económica para a cidade xa que sectores como a hostalería e outros que o rodean veranse directamente beneficiados e é unha gran ferramenta para poñer a Lugo como destino de centos de familias durante estas datas, xa que familiares de todos os xogadores participantes visitarán a cidade con motivo deste evento.
Marcos Pereira pola súa banda agradeceu ás institucións, así como ás empresas privadas que colaboran no evento, a súa axuda e colaboración para poder organizar unha edición máis deste torneo, esperando que de novo Lugo convértase na cidade do fútbol sala durante estas datas e abrir a cidade a moita xente que nalgúns casos visitarana por primeira vez con motivo deste campionato. Así mesmo, agradeceu o esforzo e compromiso de todo o persoal e recursos humanos do club que estarán a cargo da organización do torneo, xa que son parte fundamental para o bo desenvolvemento e transcurso do mesmo.