O Lugokan organiza este sábado o primeiro Torneo Judo Becerreá
O club Lugokan continúa a súa aposta por levar ao máis alto o judo e poñer en valor esta práctica deportiva. Deste xeito, organizan o seu maior evento de judo ata este momento, o I Torneo Judo Becerreá, que se disputará este sábado.
“Invitamos clubs de todo Galicia, de Asturias e Castela e León por quendas, porque o tamaño do pavillón tamén é o que nos permite”, explica Diego Álvarez, director técnico do club. Deste xeito, xa contan coa confirmación de varios dos clubs máis potentes de Asturias.
O seu obxectivo é concentrar a uns 500-600 judokas nas instalacións nas que se competirán a partir das 9.30 horas as categorías cadete, infantil e alevín e, xa pola tarde, benxamín, prebenxamín e biberón. A cita conta coa colaboración do Concello de Becerreá, Via Künig, a Deputación de Lugo e a Federación Galega de Judo.