O lugués Tirso Paz gaña o premio ao Mellor Mural do Mundo co seu mural 'Ornamental Ocelot'

LugoXa
"En Lugo comezou todo. Vendo a outros artistas da cidade hai 20 anos inspireime para pintar na rúa", sostivo o artista coñecido como Bublegum
Tirso-Paz-mural-Lugo
1 Feb 2025

O artista urbano lucense Tirso Paz, coñecido como Bublegum, foi galardoado co premio ao Mellor Mural do Mundo na categoría ‘Artist Choice’ de Street Art Cities, unha das plataformas de arte urbano máis influentes do mundo.

A súa obra 'Ornamental Ocelot', realizada en Cheste (Valencia) dentro do festival Graffitea Cheste, foi seleccionada por un xurado composto por recoñecidos artistas internacionais e votada posteriormente polo público como a mellor do ano.

O mural representa un maxestoso ocelote fusionado con filigranas. Este enfoque, bautizado polo artista como Estilo Ornamental, combina retratos e elementos naturais con influencias da escultura modernista, as gárgolas e a arte da tatuaxe. “Gústame dar visibilidade a especies menos comúns e resaltar a biodiversidade do planeta. Quixen crear un gardián que protexese a rúa cunha presenza impoñente”, explica Bublegum.

Dende que comezou a desenvolver este estilo en 2020, explorou novas formas de expresión no muralismo, destacando tanto a riqueza da fauna local, como o cervo na Bañeza, como especies máis exóticas, entre elas o caracal, protagonista do seu mural en Wynwood Walls en Miami, o museo de arte urbano ao aire libre máis prestixioso do mundo.

Un fito na súa carreira

Para o artista, recibir este premio representa un fito na súa traxectoria. "Fai especial ilusión porque a selección inicial foi realizada por artistas de renome, valorando a técnica, o estilo e o concepto da obra. Non esperaba gañalo, pero alégrame e agradezo a todas as persoas que me votaron", expresa Tirso Paz. Ademais, o seu mural 'Rinascimento' tamén foi finalista na categoría ‘Best Of’ dos premios Street Art Cities, acadando o posto 25 na votación global.

Tirso Paz medrou en Lugo, onde dende novo se sentiu atraído polo graffiti e a cultura hip-hop. "En Lugo comezou todo. Vendo a outros artistas da cidade hai 20 anos inspireime para pintar na rúa", lembra.

A súa formación foi completamente autodidacta, cunha forte influencia da tatuaxe e doutras disciplinas artísticas. A súa traxectoria levouno a plasmar a súa arte en murais arredor do mundo, con obras en diversas cidades de Europa, Canadá, México, Brasil, Aruba e Estados Unidos. Recentemente, completou un mural en Fort Lauderdale, Florida, consolidando a súa presenza na escena internacional da arte urbana.

Actualmente, tras dez anos vivindo en Barcelona, regresou a Galicia coa intención de establecer o seu estudio e levar a súa arte á súa terra natal. "Gustaríame pintar un mural de gran formato en Lugo", comenta.

0.18092107772827