O lume da Fonsagrada avanza cara Aguiar e mobiliza veciños e medios municipais

A vaga de incendios que golpea Galicia segue activa na provincia de Lugo, onde a situación volve complicarse tras unha certa melloría en Ourense, que esta mesma tarde logrou desactivar a Situación 2.
Un dos puntos máis preocupantes é o incendio declarado en San Pedro de Río, no concello da Fonsagrada, ás 01:59 da madrugada. En apenas unhas horas, ás nove da mañá, xa afectaba a unhas 20 hectáreas e ameazaba o núcleo de Aguiar, a aldea máis próxima. O alcalde, Carlos López, destacou que a contorna está libre de maleza, un factor que podería facilitar o traballo de contención no caso de que as lapas se acheguen ás vivendas.
No dispositivo de extinción participan 4 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas, unha pala, dous helicópteros e dous avións, ademais da colaboración activa de veciños e persoal municipal. Porén, as altas temperaturas, o vento levantado durante a tarde e a complicada orografía da zona están a dificultar as tarefas.
A provincia rexistra tamén outro gran incendio nos concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón, iniciado onte ao mediodía en Abrence. As lapas afectaron xa preto de 800 hectáreas e obrigaron a activar a Situación 2 pola proximidade a varios núcleos habitados. A pesar da intensidade do lume, as vivendas non resultaron danadas grazas ao intenso traballo nocturno dos equipos despregados.
Pola contra, o lume de Carballedo, na parroquia da Cova, permanece controlado desde o domingo. O incendio, iniciado o pasado xoves, puxo en alerta dúas localidades, mais finalmente puido ser contido sen que as lapas alcanzasen as casas, tras arrasar arredor de 100 hectáreas.