O luns abre o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais de Lugo

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que o vindeiro luns, 9 de marzo, abrirá o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais xestionadas polo Concello de Lugo. Buide explicou que a Concellería de Educación ten xa todo preparado para iniciar o proceso de inscripción de cara ao próximo curso.
Ademais, co inicio do procedemento de matrícula, as escolas organizarán xornadas de portas abertas o luns 16 de marzo, entre as 17 e as 19 horas, “para que as familias poidan visitar as instalacións das catro escolas da rede municipal”.
As solicitudes de matrícula poderán presentarse ata o 9 de abril, tanto a través da sede electrónica como no rexistro presencial do Concello de Lugo. A información sobre o procedemento está dispoñible no Taboleiro de Anuncios do Concello, nas propias Escolas Infantís Municipais e nas oficinas da Concellería de Educación. A atención educativa é gratuíta para todas as nenas e nenos, e os requisitos para solicitar praza son estar empadroados no Concello de Lugo e ter entre 3 meses (á data de ingreso) e 3 anos (idade máxima ao 31 de decembro deste ano). Na páxina web do Concello pódese atopar o formulario de solicitude, o cadro de baremo e a documentación necesaria: Escolas Infantís Municipais
.
As Escolas Infantís Municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo, atendendo todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o contorno físico. O compoñente asistencial inclúe todos os coidados necesarios como hixiene, limpeza, cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores. A rede conta con centros na Piringalla (EIM María Wonenburger), San Fiz (EIM Luís Soto Menor), Fontiñas (EIM Gregorio Sanz) e no Castiñeiro (EIM Serra de Outes).