O Mago de Castropol domina unha competición de billarda pasada por auga

Por Daniel Rodríguez Saavedra
O coñecido como Mago de Castropol confirmou este domingo que vai por todas nunha xornada para o esquecemento no campo da Paloma, en Castropol, marcada pola choiva persistente e o vento constante, que fixeron practicamente imposible a práctica da billarda en condicións normais.
As duras condicións meteorolóxicas reflectíronse nos resultados, xa que só sete palanadores dos 56 participantes lograron superar a barreira dos dez puntos. O triunfo foi para Navallo, que demostrou unha vez máis as súas artes “máxicas”, semellando domar o vento nas súas quendas de tiro ou mesmo utilizalo ao seu favor para empurrar a billarda cara ao varal.
A loita polo podio estivo moi axustada, con tres xogadores separados por un único punto. Nun desempate moi disputado, o trasno Gundar e o avó Félix lograron asegurar a segunda e terceira praza, deixando fóra do caixón ao mozo Marcos.
Na categoría feminina, Cris impúxose capeando como puido as inclemencias do tempo, seguida de Pamela, mentres que o terceiro posto foi para Inés tras sorteo. En infantís, só o bravo Mateo conseguiu puntuar, proclamándose vencedor con solvencia. O segundo e terceiro postos, tamén decididos por sorteo, foron para Antía e Martín.
Na clasificación por equipos, Troitas Bravas volveu demostrar que se move como peixe na auga, mesmo con vento e sarabia, e continúa arrasando no seu elemento. A certa distancia, Madia Leva e Billardeiros Musicais tentan seguir a súa estela.
Coa entrega de agasallos púxose o peche a unha xornada que pasará á historia como unha das máis duras de toda a competición billardeira e coa puntuación media máis baixa que se lembra. Con todo, a serpe multicolor da LNB non se rende e segue sacando peito.
A vindeira cita será o 22 de febreiro en Castro de Ribeiras de Lea.
As clasificacións quedan así:
Individual:
- Navallo (Troitas Bravas) 107 p.
- Gundar (Madia Leva) 103 p.
- Juanki (Troitas Bravas) 102 p. .
Donas:
- Cris (Castiñeiro Milenario) 68 p.
- Aroa (Billardeiros Musicais) 46 P.
- Vanesa (Castiñeiro Milenario) 43 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 360 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 339 p.
- Madia Leva (Lugo) 303 p.
Infantís
- Mateo (Troitas Bravas) 66 p.
- Antía (Troitas Bravas) 17 p.
- Martín (Troitas Bravas) 11 p.