O Maratón Fotográfico do Campus xa ten gañadores

LugoXa
O Maratón Fotográfico organizado ao abeiro do Lugo Cultural xa ten gañadores e conta cunha exposición na Biblioteca Intercentros
Maraton fotografico premios
22 Nov 2022

O Maratón Fotográfico do Campus ofrece un novo percorrido pola capital luguesa a través da mirada das 32 persoas que tomaron parte na vixésima oitava edición dun certame artístico que distinguiu a imaxe captada por Sara López Temes Entre acordes, co premio Carlos Valcárcel, un galardón dotado con 350 euros en metálico, trofeo e diploma, que recoñece a mellor fotografía dun certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que nesta ocasión xirou os focos cara a capital amurallada.

A fotografía de Sara López Temes figura entre as vinte instantáneas seleccionadas polo xurado para formar parte da mostra do XXVIII Maratón Fotográfico do Campus, unha exposición colectiva inaugurada este luns no vestíbulo da Biblioteca Intercentros, onde permanecerá instalada ata o 2 de febreiro, para, catro días despois, viaxar ata a Biblioteca Pública Provincial. Alén destas exposicións públicas, doce das fotografías presentadas a concurso darán vida e ilustrarán o calendario de 2023 do Lugo Cultural.

A sesión inaugural desta mostra, que ofrece un percorrido visual por Lugo a través de vinte imaxes, contou coa participación do coordinador do Maratón Fotográfico do Campus e integrante do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa; o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Tareixa Ferreiro, e a fotógrafa e neta de Carlos Valcárcel, Teresa Díaz Valcárcel. A directora da Biblioteca Provincial de Lugo, Isabel Perez Fórneas, e a súa homóloga da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, tamén asistiron ao acto de entrega de premios e apertura da exposición, unha sesión que congregou a maioría das persoas que tomaron parte na cita artística celebrada o pasado 6 de novembro.

O acto serviu tamén de cerimonia de entrega dos galardóns ás mellores propostas artísticas dun certame que otorgou a Begoña López o premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, diploma e trofeo, pola fotografía Contraste capital, considerada como a mellor referida ao tema proposto para organización: Perderse na cidade. O galardón a imaxe mellor valorada polo xurado na categoría de tema libre recaeu nun retrato dunha moza en branco e negro, cuxa autoría corresponde a María Jesús Varela Pulpeiro. O Maratón Fotográfico do Campus incluíu na súa edición deste ano unha categoría especial sobre a pegada deixada por Juan Rof Codina, co gallo do seu nomeamento como Científico Galego do Ano 2002. A fotografía Nós, de Bruno Martínez Pérez, recibiu o premio Rof Codina, dotado cunha gratificación en metálico de 200 euros, ademais de trofeo e diploma.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18778800964355