Maristas de Lugo participa no Tour de las Mates por terceiro ano consecutivo

LugoXa
O alumnado de 5º e 6º de Primaria representa de novo ao único centro galego presente nesta competición estatal de cálculo mental
Tour-de-Mates-Maristas-Lugo
29 Jan 2026

O CPR A Inmaculada Maristas de Lugo volve participar este curso no concurso de cálculo mental Tour de las Mates, unha iniciativa educativa de ámbito estatal na que o centro alcanza xa a súa terceira presenza consecutiva. Nesta nova edición, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria é o encargado de defender o nome do colexio nunha competición que combina retos matemáticos, motivación persoal e espírito de superación.

Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, o centro lucense mantén a súa singularidade ao ser o único colexio de Galicia que toma parte no Tour de las Mates a nivel de Educación Primaria, un feito que pon de manifesto a súa aposta por metodoloxías innovadoras e polo fomento do interese polas matemáticas desde idades temperás.

O concurso está estruturado en cinco etapas que reproducen o funcionamento do Tour de Francia, substituíndo as probas deportivas por desafíos semanais de cálculo mental. Cada semana, o alumnado recibe unha folla con 120 operacións que debe resolver nun tempo máximo de cinco minutos, seguindo unha consigna concreta que cambia en cada fase da competición.

Unha vez rematada cada proba semanal, procédese ao reconto de respostas correctas e, durante a fin de semana, a organización publica na internet a clasificación xeral, accesible ao público. Nela pódense consultar tanto os resultados individuais como os colectivos, correspondendo cada equipo a unha das aulas participantes.

O que comezou hai tres anos como unha experiencia puntual acabou por converterse nun proxecto plenamente integrado na vida do centro, conseguindo que o alumnado se implique semana a semana, busque mellorar os seus resultados e viva a aprendizaxe das matemáticas desde unha perspectiva lúdica e estimulante.

Detrás desta iniciativa atópanse os docentes Cristina Andrea Fernández Rodríguez e Alejandro Rodríguez, quen subliñan que o Tour de las Mates xa forma parte da identidade do colexio. “Cada mes de xaneiro está xa asociado ao inicio do Tour. É un proxecto que o alumnado agarda con ilusión e que demostra que as matemáticas tamén poden vivirse con entusiasmo”, explican.

Con esta terceira participación consecutiva, o CPR A Inmaculada Maristas de Lugo reafirma o seu compromiso cunha educación de calidade, innovadora e motivadora, na que aprender se transforma nunha auténtica aventura.

⚙ Configurar cookies
0.08395791053772