O martes 28 de outubro celebrarase unha nova edición de Comercio na Rúa en Lugo

Este martes, 28 de outubro, terá lugar unha nova edición da iniciativa Comercio na Rúa, unha proposta xa consolidada que se celebra o último martes de cada mes e que busca dinamizar o consumo e poñer en valor o comercio de proximidade.
A actividade está organizada pola Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais do Concello.
Nesta xornada participarán arredor de 80 establecementos adheridos á Federación, que poderán sacar os seus produtos á rúa e estarán identificados cunha banderola da campaña, para seren facilmente recoñecibles polo público.
O programa Comercio na Rúa pretende achegar o pequeno comercio á veciñanza, reforzar a súa visibilidade e impulsar a actividade económica local, promovendo unha experiencia de compra máis próxima, agradable e participativa.