O martes abre o prazo para solicitar as axudas a autónomos do Concello de Lugo

LugoXa
O luns, 19, sairá publicado no BOP o anuncio oficial da convocatoria á que o goberno local destinará 1.060.000 euros.
hostalería terrazas
17 Abr 2021

Este martes, 20 de abril, a partir das 9.00 horas, abrirá o prazo para solicitar as axudas do novo plan de axudas directas de Reactivación Económica posto en marcha pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O obxectivo é inxectar liquidez aos sectores máis afectados polas restricións sanitarias da pandemia, a través da que o executivo mobilizará 1.060.000 euros, o que supón o 1% do Orzamento Municipal para este 2021.

Deste xeito, lembrou a alcaldesa, “atendemos o compromiso que adquirimos como Goberno Local tras a negociación fallida coa Xunta, onde os municipios defendiamos que, debido ás graves consecuencias económicas tras varias ondas de contaxios, todas as administracións aportásemos a mesma porcentaxe dos nosos presupostos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha aportación de 116 millóns para salvar empregos en vez dos 75 millóns que finalmente moverá o Goberno galego”.

Será, ademais, o segundo plan que lanza o Concello de Lugo para facer fronte ás consecuencias económicas da covid-19, tras o Reanima, dotado de cinco millóns de euros e que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, o 15 de marzo, e o primeiro que comezou a pagar as axudas aos sectores. Beneficiáronse del máis de 3.300 empresarios e autónomos.

Para facilitar a tramitación das axudas, os técnicos do Concello organizará este luns, ás 12.00 horas, unha videoconferencia con asesorías lucenses, na que técnicos municipais explicarán polo miúdo as bases da programación, e responderán a todas as dúbidas que poidan xurdir en canto á súa solicitude e pago.

Con estas axudas, o executivo de Lara Méndez reforza a súa aposta por manter o postos de traballo do municipio. As mesmas completaranse co Plan de Dinamización económica dos distintos barrios e sectores da cidade, no que se investirán 1,4 millóns de euros. De xeito paralelo, e para xerar novos postos de traballo, o Concello puxo en marcha a Estratexia Lugo Transforma, un fondo de risco municipal de 12 millóns de euros para atraer ao municipio máis investimentos e empresas co fin de ampliar e diversificar o tecido produtivo. Nun ano, o Concello mobiliza 20 millóns de euros co fin de que o municipio saia reforzado da crise sanitaria, social e económica.

Contías e liñas das axudas

O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes con domicilio fiscal no Concello de Lugo, e que figuren na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) que establecen as bases da programación.

Liña A.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria,  xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

Liña B.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, é de 1.000 € por beneficiario.

Axilización do procedemento

Para este novo Plan de Reactivación, o executivo municipal establecerá un novo procedemento, máis áxil, tanto na presentación das solicitudes por parte dos interesados como para a súa resolución. Así, a concesión non terá a consideración de concorrencia competitiva, dado que polo obxecto e pola finalidade das axudas non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Deste xeito, explicou a alcaldesa de Lugo, “as achegas entregaranse por rigorosa orde de entrada (data, hora, minuto e segundo) das mesmas no rexistro electrónico do Concello, e tras a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados, até o esgotamento do crédito”.

A presentación de solicitudes deberá realizarse a partir do martes, 20 de abril, dende as 09:00 horas dese mesmo día, logo da publicación no BOP do luns do anuncio oficial da convocatoria. A presentación da solicitude de subvención con antelación ao día e hora sinalados anteriormente non será tida en conta.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos e única e exclusivamente a través da Sede Electrónica do Concello de Lugo, accesible a través do enlace https://lugo.gal Na mesma Sede atópase dispoñible o formulario que deberá ser cuberto polo solicitante, asegurándose de encher todos os campos do mesmo establecidos como obrigatorios. De non cubrir o solicitante todos os campos de carácter obrigatorio, a aplicación non procederá a tramitar e formalizar a solicitude.

O acceso ou ruta para formalizar a solicitude mediante a cumprimentación do formulario é o seguinte: https://www.lugo.gal/portal/tramites Logo, no apartado Servizos da Sede, escoller a opción Catálogo de Procedementos e, despois, escoller o Procedemento (A008 – Solicitude de axuda).

Ao formulario deberá anexarse obrigatoriamente a certificación bancaria da titularidade da conta designada polo solicitante para o posterior pagamento da subvención. Se non se achega a devandita certificación bancaria, a aplicación informática non procederá a tramitar e formalizar a solicitude.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible publicarase no taboleiro electrónico do Concello de Lugo unha nota informando desta situación, aos efectos de que non se presenten máis solicitudes. O abono destas subvencións realizarase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión.

0.20359992980957